A galería que acaba de facerse accesible grazas á drenaxe das augas que anegaban é fácil de percorrer, aínda que para facelo é preciso tomar bastantes precaucións. Non se sabe aínda se será posible organizar visitas guiadas a esta antiga explotación mineira nun futuro próximo, pero é evidente que antes de nada será preciso tomar medidas para evitar accidentes.
Os responsables do distrito forestal da Terra de Lemos, que organizaron os traballos de limpeza, xa comunicaron ao alcalde da Pobra do Brollón a situación en que se encontra esta paraxe, especialmente no que se refire á presencia dos perigosos pozos de ventilación, a fin de que o Concello xestione as medidas necesarias. A lexislación actual obriga a sinalizar as bocas e pozos das minas abandonadas e a colocar barreiras protectoras onde sexa necesario.
Interese histórico
As minas de Todrigo presentan un especial interese histórico por ser unha mostra representantiva da actividade mineira artesanal que se desenvolveu nas montañas lucenses no século XIX. O xacemento alimentou de mineral de ferro a ferrería de Lousada, cuxas ruínas poden verse aínda nas cercanías da explotación abandonada. Os responsables do proxecto de catalogación do patrimonio industrial histórico de Galicia xa mostraron o seu interese por estas minas, que foron postas de novo ao descuberto grazas a unha corta de piñeiros.