«Está claro que a castaña do Courel ten que venderse seca ou en fariña»

C. Rueda / F. Albo

LUGO CIUDAD

Unha xove parella de orixe urbana intenta desenvolver en Parada dos Montes unha pequena industria a base dun produto tradicional da montaña lucense

24 mar 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

A parella formada por Sabela Facal e Luís Figueira representan un tipo de empresarios moi pouco frecuente aínda no sur lucense. Naturais da Coruña e de Pontevedra, deixaron os seus traballos como vendedora de produtos ecolóxicos e como tradutor informático, respectivamente, para establecerse en Parada dos Montes -na Pobra do Brollón- e dedicarse a producir castañas secas que colleitan na zona e no veciño municipio do Courel. Sabela descubriu as potencialidades da castaña cando traballaba nunha casa rural de Chandrexa de Queixa. Unha veciña de Cruz de Outeiro, a señora María, ensinoulle hai tres anos a preparar o froito no sequeiro ao estilo típico da montaña.

-¿Por que decidiron vivir en Parada dos Montes?

-A nosa primeira idea era ir a Castro Portela, no Courel, porque alí foi onde compramos o sequeiro. Pero alugar alí unha vivenda foi imposible, porque pedían prezos moi altos por casas en pésimas condicións. Unha amiga falounos dunha casa que había en Parada e gustounos. Ademais, quedamos encantados coa aldea e os seus veciños.

-¿Foi complicado acondicionar un sequeiro para poñelo a producir?

-Cando o compramos estaba en malas condicións e tan tapado pola vexetación que case non se vía. A cuberta estaba deteriorada e tiña goteiras. Tamén houbo que repoñer a maior parte das ripias, ou sexa, os listóns que forman o caniceiro onde se secan as castañas. Fixemos as obras de reparación cunha axuda que pedimos á Axencia Galega de Desenvolvemento Rural.

-¿E como fixeron para conseguir os castiñeiros?

-Moitos soutos do Courel están a monte e hainos que levan máis de corenta anos sen ser traballados. A nós ocorreusenos chegar a un acordo cos propietarios, polo que nós nos ocupamos de coidar e sanear o souto a cambio de aproveitar as castañas. Foi complicado localizar aos donos dos lugares que nos interesaban, porque algúns viven en Quiroga, Monforte ou mesmo Barcelona, pero contamos coa axuda dos veciños. Temos un contrato verbal de arrendamento, aínda que queremos formalizalo por escrito. Agora aproveitamos cerca de cincuenta castiñeiros, que teñen o inconveniente de ser vellos e producir pouca cantidade. Nos próximos anos, xa saneados e rexenerados, darán unha colleita máis abundante. Seguimos contactando con propietarios da zona para ampliar o número de árbores.

-¿Que cantidade de castaña está producindo agora?

-A colleita deste primeiro ano foi bastante simbólica, arredor de cincocentos quilos en fresco. Fixemos unha selección e ao final obtivemos uns cen quilos de castaña de calidade óptima.

-¿É difícil comercializar un produto como este?

-No Barco da Valdeorras pasounos algo curioso cando tratamos de introducir a nosa castaña no mercado. Ao dicir que as castañas viñan do Courel, a xente dáballe pouco aprezo. Dixéronnos que pola castaña desa zona pagábase moi pouco, que por ser pequena a reservaban para penso ou para moer. Está claro que a castaña do Courel ten que venderse seca ou en forma de fariña para sacarlle máis rendabilidade. Nós vendemos a maior parte da nosa produción a cooperativas de consumo e tendas ecolóxicas de Lugo. O resto foi para pequenas tendas locais, centros sociais e particulares. Para as tendas, en sacos de quince quilos e para pequenas cantidades, en bolsas de papel de medio quilo.

-¿Por que utilizan a ortografía portuguesa na etiquetaxe e na súa páxina web?

-Nós defendemos a conservación da lingua galega do mesmo xeito que defendemos a tradición das castañas. Para defender o idioma hai que usalo dunha maneira ou outra e nós estamos a favor da unificación ortográfica do galego e o portugués. É unha aposta que facemos e hai xente á que lle parece raro, pero non cremos que iso dificulte a comercialización do produto. Ao que lle interesan as castañas non lle preocupa moito como están escritas as etiquetas.