Carnavais, folións e danzas con perspectiva científica

LEMOS

A Deputación financia un estudo etnográfico e histórico sobre cinco festexos típicos do sur lucense

03 feb 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

Dúas bolseiras están traballando nun estudo sobre as festas de interese etnográfico do sur lucense que financia a Deputación, co obxectivo de recoller todos os datos que se conserven na tradición oral e de recopilar toda a información gráfica ou escrita que exista sobre estas tradicións. A iniciativa foi solicitada pola asociación Lugopatrimonio e polos colectivos veciñais e culturais que se encargan de manter vivas estas tradicións.

As encargadas de realizar o estudo xa visitaron as parroquias de Santiago de Arriba -en Chantada- e Salcedo -en Brollón-, onde mantiveron contactos cos veciños de maior idade para comenzar a recoller testemuños sobre os carnavais rurais destas localidades. O traballo seguirá desenvolvéndose durante todo este ano e será recollido posteriormente nunha publicación. As outras festas en estudo son a queima das fachas de Castelo (Taboada), o folión de Vilelos (O Saviñao) e as danzas da Cervela (O Incio).

A iniciativa foi explicada onte en Monforte polos representantes dos referidos colectivos e da asociación Amigos do Patrimonio de Lemos, que presentaron o primeiro congreso etnográfico sobre as tradicións de entroido do sur lucense. Estas xornadas -cuxo programa foi anunciado recentemente- desenvolveranse entre os días 22 e 23 entre Monforte, Chantada e A????Pobra do Brollón.

Falta de investigacións

O escritor Lois Diéguez, presidente de Lugopatrimonio, afirmou que estas iniciativas pretenden remediar a carencia de estudos científicos e históricos sobre estas tradicións. «Ata agora non se fixeran investigacións en profundidade sobre estes festexos, que é algo moi necesario para poder traballar na súa conservación, e en torno a estes ritos e celebracións hai unha tradición oral moi importante que corre o risco de perderse en poucos anos», comentou. As asociacións teñen previsto solicitar máis adiante a creación dunha ruta turístico-cultural que agrupe todos estes festexos.

Polo que respecta ao congreso etnográfico -que conta co patrocinio das consellerías de Cultura e Medio Rural-, o prazo de inscrición para os membros das asociacións organizadoras está aberto ata o día 7. Os non socios deben apuntarse entre o 9 e o 14. As inscripcións poden facerse na galería Sargadelos de Lugo, na Casa de Cultura e na galería Sargadelos de Monforte, na Casa de Cultura de Chantada, na tenda Modas Eva de Quiroga, no bar A Lareira de Escairón e nos establecementos Casa Salanova e Cantina da Julia, en Salcedo.