Os propietarios cren que as edificacións anexas servirían para un hotel ou un parador

La Voz

LEMOS

Os propietarios da ferrería non desbotan a posibilidade de que a Xunta volva interesarse pola súa apertura «en caso de que despois eleccións autonómicas os departamentos de Cultura e de Turismo pasen a ser ocupadas por persoas máis sensibilizadas co desenvolvemento do Courel», segundo di José Antonio Locay.

Por outro lado, os donos pretenden levar a cabo este ano unha serie de xestións para intentar que o conxunto de construcións asociadas á ferrería se transforme nun establecemento hostaleiro. Ademais do edificio da ferrería, no lugar hai tamén un antigo almacén de grandes dimensións, unha capela e varias vivendas -unha delas de catro plantas- que no seu día formaron parte da mesma propiedade. Na actualidade, a maior parte destas edificacións pertence á familia Locay, mentres que o resto está en mans doutros propietarios. «O que nós pensamos é que as vivendas que pertenceron á ferrería poderían aproveitarse para facer un hotel ou un parador, algo que sería moi necesario para o municipio do Courel», indica José Antonio Locay. «Aquí hai sitio de sobra para construír un establecemento deste tipo, que tería un enorme atractivo polo valor histórico do conxunto, pola presenza da ferrería e por estar situado nunha zona que, se todo vai ben, non vai tardar moito tempo en converterse nun parque natural», engade.