Adeus ao baile dos toxos

LEMOS

Os promotores do singular festexo de Vilamor do Courel renuncian a organizalo por falta de xente nova

15 ene 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

O baile dos toxos, unha tradición da parroquia courelá de Vilamor que se recuperou durante un tempo nos últimos anos, pasou de novo a engrosar a lista de festas populares desaparecidas. O festexo xa non chegou a celebrarse no 2008 e este ano tampouco está previsto facelo. A razón non é outra que a escasez de xente nova, segundo explican os veciños que o organizaron nas últimas ocasións. «Preparar esta festa dá o seu traballo e necesítase algo de axuda, pero aquí xa quedamos cada vez menos e hoxe en día non hai a quen pedirlle colaboración», comentan.

O baile dos toxos celebrábase tradicionalmente en Vilamor con motivo da festividade de san Vicente -este ano será o día 22 polo que, de celebrarse, sería probablemente o sábado 24-, unha data que en tempos coincidía frecuentemente con intensas nevadas. De aí xurdiu o costume de bailar dentro das cortes, sobre un piso coberto de toxos.

A festa desaparecera por primeira vez nos anos setenta debido ao forte despoboamento causado pola emigración das décadas precedentes. Un grupo de veciños recuperouna no 2001 e nos anos seguintes o baile dos toxos logrou atraer numerosos visitantes á localidade. O festexo chegou a facerse moi popular entre os usuarios dos hospedaxes rurais do Courel, moitos dos cales chamaban anticipadamente para saber cando se celebraría.

Nesta nova etapa, por outro lado, o baile xa non se celebraba dentro das cortes, senón ao aire libre. En ningunha destas ocasións a festa coincidiu cunha nevada, ao contrario do que sucedía antano praticamente todos os invernos, segundo recordan os veciños de máis idade.

Conservación

A desaparición do festexo pon novamente de manifesto as dificultades que existen nas zonas rurais do interior de Galicia para conservar determinadas tradicións do patrimonio inmaterial, debido á situación xeneralizada de envellecemento demográfico e de perda de poboación. Este problema ten sido salientado insistentemente pola asociación cultural Lugopatrimonio, que promove na actualidade un programa de actuacións encamiñado á conservación e promoción dos festexos lucenses que presentan un especial interese etnográfico. O colectivo sinala que moitas tradicións populares caracterizadas por un importante valor cultural teñen por escenario unhas localidades pequenas e cada vez máis despoboadas, polo que se fai máis difícil encontrar xente nova que se encargue de organizar estes festexos. Esta circunstancia é un dos principais motivos que levaron á asociación a solicitar ás institucións públicas a concesión de axudas para manter vivas estas tradicións.