Decanos e directores dos centros universitarios do campus lugués cren que non están xustificadas as mobilizacións dos alumnos contra un proceso que os vai favorecer
02 dic 2008 . Actualizado a las 02:00 h.A adaptación ao Espazo Europeo de Educación Superior EEES) debería estar concluída no 2010, pero a medida que se aproxima esa data parece que arrezan as críticas contra o denominado Plan Bolonia. Decanos e directores das facultades e escolas universitarias do campus de Lugo recoñecen non entender moi ben por que se producen agora esas mobilizacións, cando este proceso xa vén de atrás, ao tempo que cren que vai traer cousas positivas.
Para Ana María Bravo del Moral, decana de Veterinaria, estas protestas estudantís «non teñen lóxica nin sentido», a non ser que se deban á desinformación. Ademais, considera que o de Bolonia é un proceso que vai favorecer ao alumnado, permitíndolle unha participación máis activa na aprendizaxe e tendo en conta non só o tempo que lle dedica ao estudo, senón tamén os traballos que fai, mesmo na súa propia casa «non superando as 40 horas semanais de traballo». Bravo non cre que se vaia producir unha privatización e confía en que o ensino universitario será sendo público. Por último avoga por informar máis aos alumnos para evitar que sexan máis manipulables.
Francisco Fraga, decano da Facultade de Ciencias, sostén que o Espazo Europeo de Educación Superior xa se sabía que se ía implantar, polo que non entende que agora se convoquen folgas na súa contra. Deste proceso destaca que busca sobre todo unha formación máis especializada e orientada a mellorar a empregabilidade.
O argumento da falta de información é o que con máis frecuencia utilizan os responsables dos centros do campus lugués para tratar de xustificar as queixas do estudantado contra o Plan Bolonia. O director da Escola de Enfermería, José Luis Díaz, manifesta ao respecto que «non hai información suficiente. Os responsables terán que facer un esforzo para explicar claramente en que consiste este proceso». Desde o seu punto de vista, atopa no Espazo Europeo de Educación Superior «moitos elementos de interese», ao tempo que considera que «non existe tal privatización».
Quen tampouco se explica as mobilizacións dos universitarios é a directora da Escola de Relacións Laborais, Mercedes Montes, que considera que o único que fai o Espazo Europeo de Educación Superior é «favorecer la titulación», xa que pasará a ter unha duración de catro anos e será considerada como as que ata agora eran licenciaturas. Coincidindo co manifestado por outros decanos e directores, Montes tamén afirma que «posiblemente falte información».
O único que lle outorga algún tipo de xustificación ás mobilizacións dos alumnos é o director da Escola de Formación do Profesorado, Modesto Rodríguez Neira, que explica ao respecto que «algunha razón teñen». Tamén considera que «non hai boa información», ou que en calquera caso a que existe é demasiado técnica.
Pública ou privada
O director de Maxisterio percibe entre os estudantes moitos «temores inxustificados», ao tempo que explica que o devir do proceso de Bolonia vai depender en moitos casos das autoridades políticas. Polo que respecta á ameaza da privatización da universidade, argumento empregado polos manifestantes, Rodríguez Neira considera que pode suceder, pero que en todo caso vai depender dos apoios que reciba o ensino universitario público e da actuación dos gobernos.
Independentemente de que as mobilizacións dos alumnos estean ou non xustificadas, Modesto Rodríguez considera que os títulos de grao están devaluados, porque as empresas o que demandan son máster. Así pois, «aínda que os graos están dando a capacitación para acceder ao mercado de traballo, á hora da verdade os empresarios o que piden é especialización. Neste sentido está ata certo punto xustificado o que se está facendo, que non é outra cousa que alargar os estudos».
No referente á subida das taxas universitarias, o director de Maxisterio considera lóxico que aumenten de acordo coa evolución do IPC. Entende ademais que a universidade debe concibirse coma un servizo público e non como un sistema de beneficencia, de aí a necesidade da contribución do alumnado, sen que iso implique que non se deban manter as bolsas, e incluso incrementalas.
Para Modesto Rodríguez Neira, é posible que existan motivos, que a el se lle escapan, para frear a implantación do Espazo Europeo de Educación Superior, pero cre que a inercia non se pode manter nos tempos que corren. A pesar de recoñecer que «o EEES non é a panacea» e que vai ser preciso moito esforzo, tamén considera que se trata «dun bo principio para a cohesión de Europa en materia educativa». A modo de conclusión afirma que non existiu unha información adecuada, pero, en calquera caso, «os problemas que poidan xurdir terán solucións políticas».