«Os casos de familias en dificultades son máis frecuentes no rural»

LEMOS

A educadora social Ana Gay traballa no Concello de Chantada como técnica do programa de educación familiar, que se dirixe especialmente a familias en situación de dificultade ou en risco de desestruturación.

-¿Como localizan as familias que necesitan o seu apoio?

-Sobre todo a través dos centros educativos, que detectan os casos de nenos que viven nunha situación familiar de risco, e tamén a través dos traballadores sociais. Ocúpamonos dos casos prioritarios, pero se contásemos con máis medios, atenderíamonos tamén a outras familias que necesitan apoio aínda que a súa situación sexa menos mala.

-¿Estes casos danse máis no medio urbano ou nas áreas rurais do municipio?

-Son máis frecuentes no rural, sobre todo porque nese medio hai máis problemas para acceder á información e aos servizos sociais.

-¿Este servizo só se dirixe a familias en situación de risco?

-A educación familiar é para todas as familias, non só para as que viven situacións problemáticas ou especiais, pero por falta de recursos humanos vémonos obrigados a traballar só cos casos urxentes. Se no futuro se amplía este programa, gustaríanos traballar con todo tipo de familias e abordar aspectos como a educación para a saúde, a sexualidade e prevención das drogodependencias e da violencia machista.