O Concello buscaba un lugar para o Xulgado e trataba de axilizar a chegada da valixa co correo a vila, que a maoría das veces non aparecía ata a madrugada
23 nov 2008 . Actualizado a las 02:00 h.Iniciouse o ano sen alteracións e o Concello seguía as xestións para habilitar un local amplo que acollese ao Xulgado e permitise as reunións do xurado. O 15 de febreiro o alcalde, nun detalle moi curioso, comunicoulle aos industriais e colleiteiros de viño a convocatoria da Exposición Internacional de Londres.
O 18 de marzo comunica que o cabecilla carlista Núñez Saavedra, cuns 30 homes armados, se presentou en Samos e apoderouse de sumas de diñeiro no Concello, seguindo cara O Incio. Inmediatamente deu un bando para organizar patrullas de veciños. Soubo que durmiran no Incio 60 carabineiros e gardas civís indica que seguiron ata Triacastela para onde ía Núñez Saavedra. As damas da vila doaron ao exército un caixón de útiles sanitarios e tamén sabas de liño, camisas e calzóns para a tropa. Os veciños aportaron 1.324 reais en metálico.
O 28 de marzo o alcalde comunicou un feito grave o corte do fío telegráfico da vía férrea, polo que foi detido polo garda civil Xosé Fernández o labrego Manuel de Castro, de Ferreiros, presunto autor dos feitos.
Como a río revolto sempre hai quen quere levar a auga ao seu muíño, é interesante recoller a queixa contra unha actuación do alcalde de Samos. «Reclamoume que o auxiliase na condución a capital de Manuel González, a quen detivo en concepto de carlista, cuxas opinións está ben lonxe de sustentar. Manifesteille que o deixase ao meu dispor para envialo con outros detidos aquí existentes, custodiados polo destacamento que se ha de reunir nesta vila, segundo me dixo o gobernador, pois no momento non tiña ningunha apta. Con este motivo prorrumpiu no medio da estrada e diante de numerosas persoas en frases que non requiría o sitio e o carácter das persoas que no acto interviñan, deixando por último ao suxeito no meu poder, cuxo arresto causou xeneral sorpresa, e aínda asombro, non polo feito en si, senón pola causa que o motiva, e ao que enviarei ao seu destiño tan axiña como dispoña dos medios expresados».
Este asunto debeu resolverse desfavorablemente para o alcalde sarriao, pois veladamente acusado pola autoridade provincial de ter simpatía polos carlistas, foi decretado o seu arresto.