Paixón pola música e a danza na Pobra do Brollón

LEMOS

A escola recén creada polo Concello xa pasa de oitenta alumnos inscritos, cando só se esperaban uns trinta

21 nov 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

Unhas 85 persoas están xa matriculadas na escola de música que acaba de crear o Concello da Pobra do Brollón, a primeira que existe neste municipio. As concellerías de Educación e Cultura, que se encargan de levar adiante esta iniciativa -financiada coa axuda dunha subvención de 5.500 euros da Consellería de Educación- contaban en principio cunha trintena de alumnos, polo que o éxito da convocatoria é evidente. A escola iniciará as súas actividades o 15 de decembro e non só terá alumnos do municipio, xa que tamén se matricularon veciños de Monforte e do Incio.

A escola, xa anunciada con anterioridade, foi presentada onte na casa consistorial polos concelleiros Adoración Fernández e Javier González e polo alcalde José Luis Maceda. No acto participou tamén o director do centro, Iván Pérez Rodríguez, que traballará con outros tres profesores.

A oferta educativa para esta primeira temporada comprenderá clases de acordeón gaita e percusión -que suman cincuenta alumnos matriculados- e danza tradicional galega, que contan con 39 alumnos. Outras vinte persoas inscribíronse para formar parte dun coro que será creado dentro da escola. O número de alumnos aínda pode incrementarse, xa que o prazo de inscrición continuará aberto ata finais de mes. A matrícula custa 60 euros por persoa, pero en caso de que se inscriban varios membros do mesmo grupo familiar, o prezo redúcese a 50 euros.

No colexio público

As clases desenvolveranse por agora no colexio público local, pero os responsables municipais teñen a intención de adaptar a Casa de Cultura para que poida acoller no futuro estas actividades, o que por agora non é posible por non contar con instalacións adecuadas.

Adoración Fernández e Javier González, respectivamente responsables das áreas de Educación e Cultura, cualificaron de extraordinaria a acollida que tivo esta convocatoria entre os veciños e resaltaron a importancia que pode ter na dinamización social e cultural do municipio. O alcalde, pola súa parte, sinalou que o elevado número de matrículas demostra que «a xente tiña necesidade de cousas para ocupar o tempo de lecer» e suliñou o «importante esforzo» que supón para o Concello a fundación e o mantemento da escola.

O goberno municipal, por outro lado, pretende ampliar máis adiante este proxecto ofrecendo tamén clases de expresión dramática e promovendo incluso a creación dun grupo de teatro afeccionado.