O arqueólogo ourensán David Pérez López ten previsto examinar de novo este mes o foxo de Monteagudo, no Incio, dentro dunha extensa investigación que está realizando sobre as antigas trampas de lobos do noroeste da Península. Pérez xa catalogou arredor de dúascentas construcións deste tipo en Galicia, Asturias, Castela-León e o norte de Portugal e sinala que o do Incio é un dos foxos mellor conservados que existen en territorio galego. Na súa opinión, ademais, as orixes desta estrutura poderían remontarse ata cerca do ano mil.
Pérez puntualiza que por agora non encontrou documentación histórica que permita asignar unha idade determinada ao foxo de Monteagudo. «Teño pensado consultar os arquivos do mosteiro de Samos, onde podería haber algún dato sobre esta construción», explica. «O que si encontrei foron moitas referencias documentais sobre outros foxos, que son bastante numerosas a partir do cambio de milenio. Estas trampas reconstruíanse moitas veces no mesmo sitio, polo que o foxo do Incio podería ter tranquilamente esa antigüidade ou incluso algo máis», engade.
Polo que respecta ao estado de conservación, o arqueólogo sinala que en Galicia son poucas os foxos que manteñen a súa estrutura praticamente íntegra. «Aínda quedan vestixios materiais de moitas da trampas de lobos que localicei en Galicia, pero na maior parte o que se conservan son pequenos restos, porque desde que os foxos deixaron de utilizarse para facer batidas, a xente aproveitou en moitos casos a pedra desas construcións para arranxar vivendas ou para construír valados», explica Pérez. Só en contados casos, como son o do Incio, as construcións conserváronse nun estado máis ou menos similar ao que podían ter cando estaban en uso. «Ademais do de Monteagudo, consérvanse bastante ben outros foxos en Cotobade, Fornelos de Montes, Bande, Calvos de Randín, Camariñas e algúns lugares do macizo central e ourensán e da Serra do Suído», apunta o investigador. Pérez indica ademais que a conservación destas construcións é maior en Portugal, onde aínda se utilizaron para facer batidas ata mediados do século pasado. «Tamén se conservan bastante ben en Zamora e Asturias, pero estes son foxos de tipoloxía redonda, nos que os lobos se cazaban poñendo unha cabra como cebo, e son moito máis pequenos que o do Incio», precisa.
Protección escasa
O valor histórico e etnográfico das antigas trampas de lobos, a xuízo de David Pérez, non está suficientemente recoñecido a nivel legal. «O foxo de Monteagudo foi catalogado por Patrimonio, pero hai outros que nin sequera están inventariados e, en xeral, o grao de protección é moi baixo», sinala. O arqueólogo cre que sería conveniente establecer máis medidas protectoras para este patrimonio e incluso declarar ben de interese cultural os foxos máis importantes e mellor conservados. «Deberíaselles dar a categoría de ben arqueolóxico, porque en moitos casos son construcións moi antigas, e de non ser así, polo menos que se recoñezan como bens etnográficos», opina. Así mesmo, avoga por emprender traballos de consolidación e restauración destas estuturas e por fomentar o seu aproveitamento como recurso turístico.