«En decembro estará en Lugo a mostra sobre o conto ''Eu tamén son unha fonte''»

LUGO CIUDAD

O colectivo Bico de Leite ultima os preparativos dunha orixinal exposición para promocionar a lactancia materna baseada no conto Eu tamén son unha fonte , escrito por Teresa Moure, ilustrado por Leandro Lamas e publicado por Galaxia. A mostra poderase visitar do 1 ao 15 de decembro no centro Uxío Novoneyra de Lugo, como explica Rosana López.

-¿Como xurdiu a idea?

-A Federación Galega de Grupos de Apoio á Lactancia Materna (Fedegalma) acaba de editar este conto, no que a protagonista é unha muller embarazada. Pregúntase como será o neno, se lle dará a teta... É moi poético, moi positivo, e os debuxos son a clave.

-O día da inauguración organizarán máis actividades...

-Si, presentaremos un manual de extracción, conservación e manipulación do leite materno feito pola federación. Pretende axudar ás nais que están aleitando e traballando para que coñezan como deben facer. Ademais presentaremos a web da federación (www.fedegalma.org), dende a que se pode descargar o manual do que falamos antes, e un documental titulado O mellor de ti . Foi o primeiro que se fixo en Galicia para dar a coñecer as vantaxes da lactancia materna.

-¿Cando celebran xuntanzas?

-As reunións son todos os venres de 11 a 13 horas, menos o segundo e o último de cada mes, que son de 17 a 19 horas. Celébranse na rúa Doutor García Portela, 11, nunha aula cedida polo Sergas.