Cine galego e internacional para o outono monfortino

LEMOS

A asociación A Calexa proxectará trece filmes na novena edición da súa mostra cinematográfica

10 oct 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

O cineclub monfortino A Calexa proxectará trece filmes, entre longametraxes e curtametraxes, na novena edición da súa Mostra de Cine, que se desenvolverá en oito xornadas durante a segunda quincena deste mes. Como nas edicións anteriores as longametraxes proxectaranse nos multicines Hollywood e as curtas, na Casa de Cultura.

As proxeccións de longametraxes comenzarán en todas as xornadas ás 22.30 horas e abriranse o día 20 con Funny games , película norteamericana dirixida polo austríaco Michael Hanneke. Ao día seguinte poderase ver Yo serví al rey de Inglaterra, un filme checo baseado nunha novela do escritor Bohumil Hrabal e dirixido por Jirí Menzel. Na terceira xornada, o 22, proxectarase Antes de que el diablo sepa que has muerto , una fita norteamericana do realizador Sidney Lumet.

Para o día 27 está prevista a proxección da película iraniana Buda explotó por vergüenza , da xoven directora Hana Makhmalbaf, que recrea a situación actual de Afganistán. O día 28 ofrecerase La niebla , filme estadounidense inspirado nunha obra do popular escritor Stephen King e realizado por Frank Darabont.

As sesións de longametraxes nesta mostra pechanse en cada edición cunha produción antiga que ocupa un papel destacado na historia do cine. Neste caso poderase ver -o día 29- a famosa película de Martin Scorsese Taxi driver , realizada en 1976 e protagonzada por Robert de Niro.

Curtametraxes

Polo que respecta ás curtametraxes, o programa da mostra comprende, por unha parte, catro filmes galegos de produción recente: Good night, mon ami e Ignotus , de Tomás Conde e Virginia Curiá; A subela , de Luis Avilés, e O visgo máxico , do realizador monfortino Lhosca Arias. A programación completarase con outros tres filmes galegos, estes de carácter histórico: Pontevedra, cuna de Colón -realizado por Juan Barreiro en 1930- Galicia y Buenos Aires y Miss Ledya , ambos dirixidos por José Gil e realizados, respectivamente, en 1931 e 1916. Esta última película presenta a peculiaridade de contar coa participación de Castelao como actor, representando un pequeno papel. As curtas proxectaranse entre os días 23 e 24 a partir das 21 horas, pero aínda está por determinar a orde en que poderán verse.

As proxeccións da Casa de Cultura serán gratuítas, pero nas dos multicines haberá que abonar o prezo habitual de entrada. Os organizadores da mostra ofrecerán a posibilidade de adquirir un bono que permitirá ver todas as longametraxes pagando 7,20 euros.