A conselleira de Educación e Ordenación Universitaria, Laura Sánchez Piñón, e o alcalde da Pobra do Brollón, José Luís Maceda, veñen de asinar un convenio para a creación da Escola municipal de música, danza e artes escénicas na Pobra do Brollón. A escola estará ubicada temporalmente nas aulas do colexio da Pobra do Brollón, mentres a casa da Cultura é adaptada á normativa.
Segundo explica Dora Fernández, tenente de alcalde na Pobra do Brollón, dende o Concello xa solicitaron a subvención correspondente á Consellería de Educación e nestes momentos están pendentes da súa resolución. Os interesados xa poden achegarse ata as oficinas do consistorio, onde poderán matricularse ou solicitar a información que precisen. Dora Fernández confía en que a comezos de outubro xa se poidan iniciar as clases. O número de profesores variará segundo a subvención que a Consellería de Educación lle conceda á escola e segundo as ensinanzas que se impartan, pero segundo indica a tenente de alcalde, polo momento hai tres persoas contratadas para dar clase. O director da escola será o encargado de dar as clases de acordeón, linguaxe musical e iniciación para nenos de 4 a 8 anos. As clases de gaita e pandeireta serán impartidas polo que foi ata agora profesor da banda de gaitas. E tamén haberá un profesor de danza. Dende o concello formúlanse a formación dun coro e a creación dun grupo de teatro unha vez o curso vaia avanzando.
«Nestes momentos aínda falta o equipamento» explica Dora Fernández, para o que contarán co apoio do Concello, que sufragará os gastos de adaptación das instalacións do CEIP, e os de funcionamento, conservación e mantemento. Dende o concello están moi contentos coa firma do convenio para crear a escola porque «verase reflexado na poboación da Pobra do Brollón, xa que enriquecerá o lecer da xente do concello, ademais as actividades non están unicamente dirixidas aos nenos, senón tamén a rapaces, adultos e maiores», explica a tenente de alcalde. E engade, «sen a firma deste convenio, o Concello non podería ter unha escola municipal de música e danza de titularidade pública».
A escola levará o nome de Samoeiro, en memoria da asociación cultural que hai más de 15 anos puxo en marcha o grupo de gaitas, e formará parte do rexistro de Escolas de Música e Danza da Comunidade, ao que pertencen 67 escolas municipais de música, 18 delas ubicadas na provincia de Lugo.