Os votos do PSOE e o PP forzan no pleno de Brollón o cambio de nome da rúa dos Guímaros

LEMOS

22 ago 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

Os votos do PSOE e do PP decidiron no pleno celebrado o mércores pola corporación da Pobra do Brollón o cambio de nome da rúa dos Guímaros polo de rúa da Feira, en contra do parecer do BNG, que forma o grupo do goberno xunto cos socialistas. A modificación do nome foi aprobada a raíz dunha proposta presentada polo PSOE, que recentemente organizou unha votación popular na que os veciños desta rúa pediron maioritariamente que fose retirada a actual denominación, vixente desde finais do ano pasado.

O alcalde, o nacionalista José Luis Maceda, expresou a súa disconformidade coa iniciativa por considerar que menoscaba a autoridade do goberno local e que senta un mal precedente. «Non me parece serio que unha decisión tomada polo pleno se modifique pouco tempo despois polo simple feito de que non lle guste a unha vintena de veciños e isto abre a posibilidade de que se anulen outras decisións se un determinado número de personas non está de acordo con elas», sinalou con posterioridade ao pleno. «En todo o caso, pensamos que o nome das rúas é patrimonio de todo o municipio e que para decidir un cambio deste tipo debían ter votado todos os veciños da Pobra do Brollón e non só unha parte deles», engadiu.

Días antes da sesión plenaria, os concelleiros do grupo socialista xa puntualizaran que non tiñan nada en contra do nome da rúa dos Guímaros e que apreciaban o seu significado histórico e patrimonial -de feito, votaran a favor desa denominación cando foi debatida no pleno-, pero consideraban que era preciso respectar a opinión dos veciños da zona, que se mostraron disconformes con ela. Anteriormente, a rúa levara o nome de Calvo Sotelo.

Xantares a domicilio

Por outro lado, o pleno aprobou a adhesión do Concello ao programa Xantar sobre rodas da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar, que permite servir a domicilio a comida a persoas maiores ou dependentes. A iniciativa foi apoiada polo BNG e o PSOE e rexeitada polo PP, que considerou insuficiente a subvención que recibirá o Concello por este motivo, xa que só poderá beneficiar a seis persoas. En principio, os responsables municipais espéran que este servizo comece a funcionar en torno ao próximo mes de outubro. Mentres tanto, os servizos técnicos do Concello elaborarán unhas bases para determinar as condicións que deben cumprir os posibles beneficiarios.

Así mesmo, o pleno acordou ceder a xestión do uso e do equipamento do centro de día ao Consorcio Galego de Servizos Sociais.