A Área de Benestar do organismo provincial abre cinco liñas de axudas dirixidas a concellos e asociacións
LEMOS
Dos 2,8 millóns de euros de orzamento con que conta a Área de Benestar Social, Igualdade e Xuventude da Deputación Provincial para o presente exercicio, 1.780.000 euros van destinados aos concellos, sendo a maior parte desta cantidade -1,6 millóns- para axudas; mentres que o resto son subvencións de carácter nominativo para proxectos concretos.
Tal como deu a coñecer onte a responsable do citado departamento, a nacionalista María José Vega Buján, esas axudas distribúense en cinco liñas fundamentais. A primeira delas refírese ao mantemento de equipamentos de centros de día e pequenas residencias de maiores e tamén de escolas infantís ou garderías, sempre e cando sexan de titularidade pública e estean xestionados na súa maior parte polo Concello solicitante.
A segunda das subvencións está referida á promoción do ocio infantil para fomentar a conciliación familiar. Neste sentido poderanse conceder axudas tanto para o acondicionamento e mellora de parques infantís como para a posta en marcha de actividades fóra do horario lectivo ou en período vacacional en centros educativos públicos.
Á realización e posta en marcha de plans de igualdade nos concellos vai destinada a terceira liña de axudas. Neste caso as corporacións locais da provincia de Lugo que queiran optar a estas subvencións deberán ter menos de 20.000 habitantes e non ter percibido axudas doutras entidades para este fin.
Semellante á primeira son as axudas englobadas na cuarta e na quinta das liñas previstas pola Área de Benestar, Igualdade e Xuventude do organismo provincial. Así, por un lado subvencionarase o mantemento dos servizos municipais de atención primaria, comprendendo unicamente a contratación e retribución de novo persoal adscrito a ditos servizos. Por outra parte, será subvencionable o funcionamento e mantemento dos centros sociais de titularidade municipal nos que se favoreza o ocio e a convivencia interxeracional. Neste caso os concellos poderán recibir axudas para gastos correntes, pequenos investimentos en equipamentos ou reparacións derivadas da rehabilitación do edificio e gastos relativos á realización de actividades.
Vega Buján destacou que estas axudas foron consensuadas coa Vicepresidencia da Xunta e cos Concellos, con algúns dos cales se mantiveron reunións para coñecer as súas necesidades. Tamén sinalou que a contía destinada a cada unha das axudas é modificable, xa que se nuns casos hai moitas solicitudes e noutros non se completa o investimento previsto pódense derivar as cantidades dunhas subvencións a outras. En todo caso, o importe da axuda non poderá exceder o setenta por cento do total do proxecto.
A responsable da Área de Benestar Social, Igualdade e Xuventude salientou que se trata de axudas con vocación de permanencia, ao tempo que lembrou que a convocatoria para as dúas primeiras subvencións xa saíu publicada no Boletín Oficial da Provincia, en tanto que as outras tres sairán en breve.