Das tarefas de limpeza e mantemento das áreas verdes provinciais encárgase o persoal de Suplusa, concretamente un total de 30 xardineiros, que desenvolven o seu traballo ao longo de todo o ano de forma permanente. Dada a precariedade de medios con que contaba ata agora a Sociedade Urbanística Provincial, Miguel Sotuela anunciou onte que na mesa de contratación se aprobou a adquisición de 24 novas máquinas que permitirán ampliar e renovar o parque móbil desta sociedade.
O novo material, cuxo importe ascende a 114.800 euros, está composto por dez tratores cortacéspede, outras tantas desbrozadoras, dous cortacéspedes profesionais e dúas sopradoras de folla. Con estas novas máquinas, o deputado provincial de Medio Ambiente e Urbanismo cre que resultarán máis eficaces e efectivos os labores de conservación das zonas verdes.