Ribeira Sacra amplía miras

Natalia Díaz

LEMOS

As adegas Soutelo e Regina Viarum recibiron o primeiro e segundo premio da cata de tintos galegos no País Vasco

21 ago 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

Onte pola mañá foron entregados os dous primeiros premios da cata de viños tintos galegos en Euskadi, organizada pola Irmandade de centros galegos en Euskadi. Os viños premiados, pertencentes á denominación de orixe Ribeira Sacra, foron Cardenal Rodrigo de Castro, de adegas Soutelo, e Regina Expresión, de adegas Regina Viarum. O terceiro premio foi concedido a Alan de Val, un tinto mencía de Valdeorras.

Un total de 42 viños galegos, 26 deles da denominación de orixe Ribeira Sacra, foron presentados á cata, que se celebrou o 22 de xuño en Bilbao con motivo do vixésimo terceiro día de Galicia en Euskadi. A cata foi realizada, como dende os seus inicios, polos membros da asociación de Euskadi de Sumilleres, o que garante a unidade de criterio, segundo indica José David Fidalgo, vicepresidente da Irmandade de centros galegos en Euskadi. E engade «esta asociación de sumilleres é recoñecida institucionalmente e coñecida por moitos consellos reguladores». Na actual edición da cata participaron 6 catadores. «Adoitan participar ata oito catadores, pero non soen estar nunca máis, xa que é o número apropiado para que non se alargue moito ao tempo que hai diversas opinións» sinala José David.

O vicepresidente da Irmandade recoñeceu o quefacer do consello regulador Ribeira Sacra, que se encarga de recopiar todas as mostras das adegas e de envialas ata a Irmandade. «Con esta labor o consello facilítanos o traballo, xa que hai outros consellos que mandan por separado as mostras de cada adega».

José David Fidalgo tamén é vicepresidente da Casa de Galicia en Bilbao, encargada de organizar dende hai 11 anos a cata de viños brancos galegos, que este ano se celebrará en outubro.

Dende a Irmandade, que engloba os 12 centros galegos existentes no País Vasco, teñen como actividade principal coordinar as actividades dos centros e xestionar as propostas que lles formulan ás administracións. Entre esas actividades figura a organización do día de Galicia en Euskadi, do que forma a cata de viños tintos galegos, e que inclúe distintas actuacións musicais, degustacións gastronómicas e varias exposicións.