A asociación ecoloxista Adega e a Consellería de Traballo colaborarán na realización dun estudo sobre alternativas laborais compatibles coa protección e conservación do medio natural no municipio do Courel. O obxectivo da iniciativa, segundo explican os representantes de Adega, consiste en contribuír a resolver o conflito actualmente existente na serra courelá «entre a necesaria protección dos seus inigualabales valores naturais e a lexítima demanda veciñal de oportunidades laborais no lugar».
Ao xuízo da organización ecoloxista, «resulta imprescindible realizar unha diagnose da situación actual da poboación na súa relación coa actividade laboral». O estudo, segundo explican os responsable de Adega, analizará as posibilidades de emprego que poida ofrecer a zona tomando como base a súa riqueza natural e patrimonial e axustándose a un criterio de sostibilidade ambiental e económica. Con este obxecto traballará durante os próximos meses un equipo multidisciplinar formado por «colaboradores coñecedores da realidade do Courel, axentes locais, técnicos e expertos en temas ambientais e patrimoniais», segundo precisan os responsables da iniciativa. Na realización deste estudo teranse especialmente en conta diversas experiencias de fomento do emprego levadas a cabo con éxito en espazos naturais protexidos.
Reclamacións
Nos últimos anos, diversas asociacións e particulares interesados na conservación do medio ambiente de Serra do Courel teñen reclamado á Administración que busque alternativas de traballo para os habitantes da zona que teñan en conta a necesidade de preservar os seus valores naturais. Na actualidade, a principal fonte de emprego no Courel é a que ofrecen as explotacións pizarreiras, que por outro lado son frecuentemente criticadas polos importantes problemas ecolóxicos que ocasionan. Outras actividades menos agresivas co medio ambiente, como a agricultura ou o turismo rural, teñen por agora un peso moi limitado na economía local, mentres que os empregos relacionados coa conservación da natureza son praticamente inexistentes. Nestas condicións, como se ten sinalado a miúdo, reducir ou abandonar a actividade extractiva das canteiras de pizarra suporía deixar á maioría dos veciños da zona sen alternativas reais de traballo. Por outro lado, os empregos que xera o sector pizarreiro non impiden que o municipio continúe perdendo poboación ano tras ano.
