Un laboratorio que prestará servizo a especialistas en diversos campos da ciencia

La Voz

AGRICULTURA

Inicialmente estaba previsto denominar estación biolóxica ao centro que se construirá en Seoane, que será o segundo laboratorio deste tipo creado pola USC. Segundo explica Javier Guitián, «a idea inicial era abrir un centro especializado en bioloxía de montaña que complementaría o centro de bioloxía mariña da Graña, en Ferrol. Pero agora é máis probable que se chame simplemente estación científica, porque servirá tamén para realizar investigacións noutros campos diferentes da bioloxía», engade. As instalacións, de acordo co actual proxecto, prestarán servizo a investigadores que traballan en bioloxía vexetal e animal e en cuestións agrícolas e forestais, pero tamén en xeoloxía, en xeografía física e humana e noutros campos.

A este respecto, Guitián indica que «a estación de Seoane non estará tan especializada como a da Graña, que se dedica a un campo moi concreto da ciencia, porque un medio como a Serra do Courel permite levar a cabo actividades bastante máis amplas». Os responsables da USC esperan por outro lado contar coa colaboración das consellerías de Medio Ambiente e Medio Rural para levar a cabo algúns dos proxectos de investigación que terán como base a nova estación científica.