A Universidade de Santiago (USC) abriu a licitación das obras de construcción da estación científica de Seoane do Courel, desbloqueando definitivamente un proxecto trazado hai sete anos que ata agora non puidera plasmarse por problemas de financiamento. A obra contará cun orzamento de 1.114.252 euros e terá un prazo de execución de catorce meses. A contratación formalizarase o 19 de setembro, de maneira que os responsables da iniciativa esperan que o centro científico poida entrar en funcionamiento a principios do 2010.
Os fondos para a construción do centro proceden da Consellería de Medio Ambiente e do programa europeo Feder. Estes últimos foron concedidos polo Goberno central e tramitados por Innovación e Industria.
O catedrático Javier Guitián Rivera, un dos promotores do proxecto, espera que as actividades académicas relacionadas coa estación comecen incluso antes de que acaben as obras. «Para o próximo ano pretendemos organizar no Courel un campus de verán que servirá para ir perfilando unha boa parte das actividades que acollerá a estación unha vez que estea en pleno funcionamiento», explica. Este campus comprenderá polo menos tres tipos diferentes de actividades e na súa preparación xa están implicadas as facultades de bioloxía e de xeografía e historia.
O novo centro universitario, por unha parte, utilizarase como laboratorio para desenvolver proxectos de investigación científica nas serras do Courel e dos Ancares e nas zonas limítrofes. Pero a intención dos responsables do proxecto é que se utilice tamén para organizar diversas actividades educativas e formativas. Deste xeito, a estación pasará a acoller os cursos de verán que desde a pasada década ven organizando a USC no Courel con periodicidade bianual e que teñen como escenario o edificio sociocultural que o Concello posúe en Seoane. «En vez de impartir un curso cada dous anos, agora caberá a posibilidade de organizar incluso máis dun curso por ano», apunta Guitián. Por outro lado, engade o catedrático, «a nova titulación de bioloxía da USC, que se está a preparar actualmente, incluirá posiblemente estadías dos alumnos na estación do Courel e noutro centro similar que a universidade xa ten desde hai anos no municipio do Ferrol, dedicado á investigación da bioloxía mariña».
Outras actividades
Así mesmo, Guitián opina que a estación tamén podería acoller diversas actividades encadradas na Semana da Ciencia en Galicia -que organiza cada ano a Consellería de Innovación e Industria- e outras iniciativas de formación e divulgación para as que se solicitaría a colaboración de entidades privadas, bancos ou caixas de aforros.
Polo que respecta á actividade puramente científica, os laboratorios da estación non só poderá ser empregados polos equipos da USC e das demais universidades galegas, senón tamén por outras instititucións, como o Consejo Superior de Investigacións Científicas, e mesmo por universidades estranxeiras. Desde que se anunciou por primeira vez este proxecto, no ano 2001, xa houbo investigadores de diversos ámbitos que se mostraron interesados en utilizar as instalacións do futuro centro cando estivesen dispoñibles. «Ademais, esperamos que haxa unha relación intensa entre a estación científica e o futuro parque natural do Courel», agrega Guitián