A agrupación veciñal de vixilancia forestal Guímaro Motor controlará os bosques do concello da Pobra do Brollón
20 ago 2008 . Actualizado a las 02:00 h.Sobre dúas ou catro rodas, dependendo do vehículo do que dispoña cadaquén, será como os voluntarios da agrupación veciñal de vixilancia forestal Guímaro Motor controlarán os bosques do concello da Pobra do Brollón. Esta asociación está formada por un grupo de rapaces aficionados ao motor que adoitan pasar o seu tempo libre no monte cos seus coches e motos e que ao tempo que practican o deporte que lles gusta, encargaranse de vixiar o seu monte, tal e como indica Manuel Valcárcel, tesoureiro da agrupación.
Entre as súas labores estará disuadir a posibles incendiarios e informar das incidencias que poidan producirse. Nesta labor de prevención de incendios participarán en torno a 13 voluntarios, todos eles propietarios de monte e veciños do concello da Pobra do Brollón. O feito de coñecer moi ben a zona conleva que en caso de producirse algún incendio poidan tamén prestar a súa axuda aos servizos de extinción e identificar a posibles incendiarios. A zona vixiada será o territorio do concello da Pobra, aínda que tamén inclúe franxas do Incio, Quiroga, Courel e «ata onde nos cheguen os ollos» informa Manuel Valcárcel.
Para realizar esta actividade, dende a Consellería de Medio Rural facilitaranlles chalecos identificativos, batelumes para sufocar pequenos fogos e se dispoñen de cisternas, proporcionaranlles mangueiras e acopladores para que poidan empregalos, segundo sinala Diego Miranda, coordinador das asociacións veciñais de vixilancia forestal. Diego Miranda reuniuse o pasado luns cos voluntarios para ofrecerlles as técnicas necesarias sobre a prevención de lumes e para ver o papel que pode desempeñar este colectivo. Polo do momento a agrupación veciñal forestal Guímaro Motor, que se constituirá o 13 de setembro, non recibiu os chalecos de Medio Rural, polo que en días de risco non poden circular polo monte.
A creación de agrupacións veciñais de prevención de incendios xurdiu hai dous anos e está recollida na Lei de Prevención e Defensa contra os Incendios, que contempla que os propietarios dos montes tamén deben intervir nas labores de prevención de lumes. Na actualidade participan neste proxecto unhas 70 agrupacións veciñais en todo o territorio galego.