O PSOE de Brollón pide cambiar o nome da rúa dos Guímaros

LEMOS

19 ago 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

O nome da rúa dos Guímaros, na Pobra do Brollón, non acaba de ser aceptado unanimemente entre os veciños desde que o Concello decidiu darlle esta denominación, a finais do ano pasado. O grupo municipal socialista presentou unha moción para ser debatida nun pleno que a corporación celebrará mañá, na que pide que se llea dea unha nova denominación a esta rúa por non ser do agrado da maioría dos seus residentes. «Por algunha razón, á xente non lle gusta ese nome e nós cremos que hai que respectar a súa vontade», sinala a portavoz do PSOE e tenente de alcalde, Adoración Fernández, quen puntualiza por outro lado que ao seu grupo non lle parece mal a denominación actual e recorda que votou a favor dela cando foi aprobada.

Os socialistas afirman que o parecer dos veciños da rúa dos Guímaros quedou de manifesto nunha votación que este partido organizou na Casa de Cultura o pasado día 8 para saber cantos estaban de acordo co nome oficialmente aprobado polo pleno o 28 de decembro do 2007. «Na votación tomaron parte todos os veciños da rúa e os que dixeron preferir outro nome foron 21, fronte a cinco que están de acordo co nome actual, mentres que outro veciño se abstivo», di Fernández. «Naturalmente, nin os veciños nin o noso grupo defenden que a rúa recupere o nome anterior de José Calvo Sotelo, senón simplemente que se busque outra denominación que poida ser aceptada por todos», agrega.

O PSOE xa organizara o pasado mes de marzo outra reunión para falar do asunto, en resposta ao malestar que, segundo afirmaran os concelleiros deste grupo, existía entre a veciñanza a causa do nome, que na opinión dalgunhas persoas ten un carácter pexorativo. Posteriormente, en xuño, os socialistas promoveron unha conferencia da escritora e investigadora monfortina Margarita Rodríguez Otero, quen explicou as orixes da palabra guímaro, relacionada, segundo a tradición, coa actitude rebelde que mostraron os veciños das terras do Brollón fronte ao dominio dos condes de Lemos na época medieval. «Á xente gustoulle moito esa historia e parecía que quedara claro o motivo polo que se lle puxo ese nome á rúa, pero a pesar de todo, segue habendo moitos veciños que non aceptan a nova denominación», di a tenente de alcalde. «Para nós é un nome que ten un importante valor histórico e un significado entrañable para a A Pobra do Brollón, pero tamén cremos que hai que aceptar a decisión da maioría», engade.

Pola súa parte, o alcalde José Luis Maceda preferiu non opinar sobre a iniciativa dos seus socios de goberno e sobre a polémica do nome da rúa ata a celebración do pleno.

División de opinións

O uso da palabra guímaro como alcume colectivo para os habitantes da Pobra do Brollón causa desde hai moito tempo división de opinións entre os veciños. Se hai moitos que o reivindican como unha parte importante da identidade e do patrimonio histórico local, tamén hai quen o rexeita por considerar que ten unha connotación negativa, como un sinónimo de persoa desobediente ou desconfiada.

A palabra tamén foi utilizada hai anos para nomear unha revista cultural editada no municipio. Na actualidade dá o nome a unha marca de viños producidos ao amparo da denominación Ribeira Sacra e a un bar ubicado en Monforte.