Os veciños de Navia néganse a recoñecer a existencia do Parque dos Ancares

Iolanda Fernández

LEMOS

Un grupo de veciños afincados nas parroquias de Muñís, Moya, Rao e Ribeira -todas elas pertencentes ao municipio de Navia de Suarna- crearon hai unha semana a Asociación Pico Sur Ancares para «loitar» contra a constitución do Parque Natural da Comarca dos Ancares.

Entre os seus socios, arredor dunhas 100 persoas segundo os datos da propia Asociación, hai un bo número de emigrantes naviegos que teñen propiedades tanto no concello como no resto da Comarca dos Ancares. En palabras do secretario de Pico Sur Ancares, Carlos Ramos, «esta é a forma de amosarlles que os de fóra tampouco queren o Parque».

Do mesmo xeito, Ramos tamén asegura que lle propuxeron en múltiples ocasións á Consellería organizar un acto público onde cada bando «puidese defender os seus intereses». Pero, que esta se negou alegando que «isto non era unha feira».

Dende a Asociación falan dun proxecto «indefendible», «inconstitucional» e «repleto de prohibicións». Acto seguido, aseguran que «non vai haber Parque».

Nesa liña, todos os veciños recalcan que tanto as fincas de cultivo como o monte son da súa propiedade. «Nosos pais e avós traballaron moito para conseguir isto e tal e como están as cousas non se sabe o que podan necesitar os nosos fillos».

Nesta nova etapa, ao igual ca na anterior, os afectados seguirán «pola vía legal e dun xeito civilizado, sen insultar nin faltarlle ao respecto a ninguén». Con todo, deixan entrever que as cousas «serían moi distintas» se a dirección do Parque estivese nas mans dos propios veciños, algo «moi pouco probable a estas alturas».

A maiores, piden que se lle deixe de chamar «Parque» á serra dos Ancares, «xa que non existe tal denominación».

Turismo e Rede Natura

A pesares de que un dos maiores alicientes para creación do Parque é o turismo que atraerá a zona unha vez declarada Parque Natural, os membros de Picos Sur Ancares salientan que en Navia «non hai un só hotel, só un albergue» ao tempo que insinúan que os turistas serían desviados a outro concello.

En canto a Rede Natura, o secretario da Asociación, Carlos Ramos, asegura que «é unha Lei sen definición e que nin sequera limita, e da que nos interesa saber cales son os seus orzamentos e beneficios».