A sega de 28 hectáreas de centeo e trigo uniu aos veciños de Vilasouto

Carlos Vázquez

O INCIO

30 jul 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

Os comuneiros do monte veciñal de Vilasouto (O Incio) xa comezaron onte a segar parte das 28 hectáreas de terreo dedicadas a un proxecto que financia a Consellería de Medio Rural. A intención non é outra que sacarlle proveito a unha superficie forestal que estaba abandonada. Do total cultivable, 23 hectáreas dedicáronse ao trigo do país (Callobre) e unha variedade de trigo alemán (Bastide), mentres que 5 deixáronse a centeo (Pecus).

O traballo conxunto entre a consellería e a comunidade de veciños do monte comunal de Vilasouto constitúe a primeira experiencia deste tipo que se produce tanto na provincia de Lugo como en Galicia. Víctor Álvarez, xefe de estruturas e infraestruturas da delegación de Medio Rural, insiste en subliñar que «os veciños son os verdadeiros protagonistas de que o proxecto saíra adiante».

Pese a que aínda é cedo para ofrecer cifras concluíntes, os responsables xa falan de éxito por canto non sempre é doado xuntar un grupo de traballo que camiñe na mesma dirección. «E iso xa se conseguiu en Vilasouto», sentencia Álvarez Arias, quen tamén sinala que a consellería empregou 40.000 euros neste proxecto que sen embargo terá que esperar ao vindeiro ano para ver cumprido o obxectivo de cultivar as 40 hectáreas previstas.

Será despois da malla cando se fale con datos, pero dado o interese, Álvarez asegura que a consellería baralla sacar unha liña de axudas en apoio deste tipo de iniciativas veciñais.