Pop rock nos Gandarós

Natalia Díaz

LEMOS

O festival de música que se celebrará ao aire libre en Salcedo contará coas actuacións de Pacífico, Meu e ALIS

25 jul 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

O pobo de Salcedo acollerá a décima edición do festival Os Gandarós o vindeiro 9 de agosto a partir da medianoite. O cartel deste ano estará composto polos grupos Pacífico, de Vigo, Meu, de Coruña e ALIS, pero aínda non está pechado e podería incluír a actuación dalgún outro artista. O festival celebrarase como todos os anos no souto de castiñeiros dos Gandarós e as entradas serán gratuítas.

As edicións anteriores deste xa tradicional festival musical foron organizadas pola asociación xuvenil O Seixo, pero dende fai dous anos a organización corre a cargo da asociación de veciños de Salcedo. Javier González, secretario da asociación, membro do grupo Capitán Sonoro e concelleiro de Cultura do Concello da Pobra do Brollón, afirma que este ano «déronlle unha volta de torca ao festival» e engade «era un festival ecléctico, onde se tocaba tanto pop rock, como fanfarra, como folk... non tiña unha determinación, polo que decidimos convertelo nun festival pop rock en toda regra». Deste xeito pretenden que o festival se consolide como unha das principais citas musicais do verán na zona sur de Lugo.

Para organizar o festival, a asociación de veciños de Salcedo contará coa a axuda da Delegación de Turismo e do Xacobeo, ademais dos cartos que fagan coas ventas no bar que alí estará instalado e as subvencións pendentes de concesión.

O festival celebrarase ao aire libre salvo que o tempo o impida. Nese caso, segundo indica Javier González «as actuacións terán lugar, como última opción, na nave, aínda que o festival perdería parte do seu encanto».

Tal e como relata Javier González, a iniciativa xurdiu cunha curiosa anécdota: «hai dez anos un veciño que agora vive nos Gandarós quería quedar aquí e decidiu facer unha casa no pobo pero non tiña cartos para construír o teito, así que entre varias persoas decidiron organizar o festival para conseguir cartos para que puidese facelo, e continuouse celebrando ata hoxe».

Javier González indica que o cartel do festival dos Gandarós deste ano é unha oferta moi boa para a xente que lle guste o pop rock e destaca que as persoas que se acheguen ata o souto dos castiñeiros vanse encontrar cun sitio bucólico e do que «a xente queda namorada».