Olga Novo no papel de «guímara»

Carlos Vázquez

LEMOS

A escritora de Vilarmao fixo unha viaxe ao pasado de Lemos, fixo unha defensa acendida do Courel e recordou á tradición do oso de Salcedo no curso de verán

12 jul 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

«Son a pequena flor aventureira». Este verso escrito e pronunciado no curso de verán da USC por Olga Novo é un dos que mellor poderían definir a esta escritora que se declarou orgullosa de vir dos guímaros, ao facer unha viaxe ao pasado do Val de Lemos.

Foi aí cando recordou a lenda. Disque na Idade Media, o Conde Lemos esixía o pago de fortes tributos ás poboacións que habitaban todo o val, cousa á que se negaban algúns. Fartos diso, os da Pobra reuníronse en asemblea debaixo dun piñeiro, en Brollón, para manterse na súa negativa de pagar ao nobre, que xa os viña castigando por ese moito. A decisión foi esa a menos que, acordaron, lles viñeran a buscar os trabucos ás súas propias casas e estes colleran por debaixo da porta.

Aquilo coñeceuse como a Revolta dos Guímaros, quixo Olga Novo tomalo como algo bo e non pexorativo, no sentido de túzaros, como moita xente aínda segue pensando. «A miña mai -engadiu- chamábame guímara cando se anoxaba comigo».

Olga Novo, apoiándose nun texto parateatral seu, Coa vida, fixo unha defensa acendida do Courel, denunciando que estaba ameazado. Novo, personalizando e dándolles fala aos seres que resisten neste lugar, pediu unha «protección absoluta para que ese gran paraíso se conserve enteiro e non fraccionado como algúns pretenden», en referencia ás explotacións mineiras que se fan na zona.

Moi relacionado con ese entorno, a profesora da universidade da Bretaña Sur (Lorient) e tamén autora de libros como A teta sobre o sol, Nós nus, Magnalia e A cousa vermella, apelou á defensa das tradicións. Dende unha óptica feminista, referiuse a unha vella tradición que se celebra o luns de entroido: a do Oso de Salcedo.

Novo salientou que se trataba dalgo que a penas se conservaba nalgúns sitios de Europa. A través do poema O oso meu, amosou o seu desexo de se converter tamén nese home disfrazado, de oso, que furioso vai atacando á xente que atopa polo camiño.

A escritora e poeta de Vilarmao -influída na súa obra pola sabedoría do poeta da Terra Chá, Manuel María- agradeceu aos organizadores que contaran con ela no apartado da poesía galega; lembremos que no de narrativa estivo a monfortina Teresa Moure. Tamén se declarou moi contenta por ser elixida como pregoeira para as festas patronais de Monforte.