Arqueoloxía en familia

LEMOS

Uns veciños de Sober buscan no municipio petróglifos non catalogados e xa lograron achar sete conxuntos

23 abr 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

Desde hai arredor dun ano, a familia formada por Óscar Alonso, Carme Rodríguez e súa filla Paula axuda a catalogar o patrimonio arqueolóxico de Sober. Nos seus paseos polo campo, estes veciños da localidade de Veliños xa conseguiron localizar en varios puntos do municipio sete conxuntos de petróglifos que estaban sen inventariar, e pensan seguir intentando facer máis descubertas.

A afección arqueolóxica destas familia comezou levando a algúns amigos a visitar os petróglifos xa catalogados que hai en diversas zonas de Sober. De aí pasaron a buscar outros que aínda non figuraban nos inventarios de Patrimonio. Primeiramente localizaron dous grupos de insculturas nos lugares de Campo da Chá e do Preguiceiro, na parroquia de Santiorxo, que xa foron incluídos nos catálogos oficiais. En tempos máis recentes encontraron outros cinco conxuntos nos lugares de O Val, A Cerrada e o monte de Veliños -tamén en Santiorxo- e no Toutileiro, en Pinol.

Para localizar os petróglifos axúdanse ás veces das indicacións dos veciños de maior idade, pero noutras ocasións válense só da súa propia destreza. «Imos buscar aos sitios onde pensamos que pode habelos, pero algunha vez tamén aparecen por casualidade», comenta Óscar Alonso. Algúns destes achados foron obra exclusiva da xove Paula, que aos seus 10 anos mostra un singular olfato para localizar estes milenarios gravados rupestres. «Os do monte de Veliños están nun sitio por onde eu e moitos veciños temos pasado miles de veces, pero a miña filla foi a primeira que se fixou neles», sinala o pai.

Á familia Alonso Rodríguez gustaríalles que os petróglifos localizados por eles e outros que xa se coñecían de antes fosen integrados nunha ruta de turismo cultural. Segundo explican, «a maioría destes petróglifos están en sitios magníficos para facer sendeirismo, pero eses camiños están cada vez máis abandonados e enchéndose de broza, e habería que preocuparse por mantelos limpos e transitables. Ademais de catalogalos, habería que mirar máis por eles», engaden.