Acción común pola defensa das festas etnográficas

F. A.

LEMOS

Representantes das asociacións veciñais e culturais que manteñen vivos os festexos tradicionais das fachas de Taboada, o Entroido Ribeirao de Chantada, as danzas de Cervela (O Incio) e o Oso de Salcedo (A??????Pobra do Brollón) participaron onte en Lugo nunha reunión que tiña por obxectivo trazar unha estratexia común para a conservación deste patrimonio inmaterial. O encontro foi convocado pola asociación Lugopatrimonio, que en tempos recentes presentou á Xunta unha solicitude de creación dunha figura específica de protección para estes e outros festexos de interese etnográfico que se conservan en Galicia.

A intención de Lugopatrimonio e das outras asociación que apoian este proxecto é que a a Xunta e a Deputación concedan axudas económicas que sirvan non só para levar a cabo iniciativas de conservación destes festexos, senón tamén para fomentar o desenvolvemento socioeconómico das poboacións onde se celebran. O presidente de Lugopatrimonio, o escritor Lois Diéguez, sinala a este respecto que moitos destes festexos tradicionais -como é o caso dos catro mencionados- se conservan en pequenas localidades moi afectadas polo declive demográfico do rural, e opina que este patrimonio cultural pode utilizarse como fonte de dinamización.

Os referidos colectivos consideran que as axudas que podería conceder a administración neste terreo deberían destinarse, por unha parte, a organizar obradoiros educativos que transmitan aos nenos e xoves estas tradicións populares e que conciencien á poboación do seu valor cultural e histórico. Asemade, cren que sería preciso proporcionar locais axeitados para desenvolver tales actividades e albergar ao mesmo tempo unhas pequenas instalacións museísticas que conserven e exhiban elementos materiais relacionados con estas tradicións festivas, como máscaras e traxes. A asociación veciñal de Salcedo xa conta desde hai algún tempo cun local deste tipo. «Apoiar a conservación destas festas non só ten unha dimensión cultural moi importante, senón que tamén podería axudar a crear algúns postos de traballo e a fomentar o turismo», apuntou Lois Diéguez.

Boa actitude

O presidente de Lugopatrimonio sinala por outro lado que a súa asociación xa consultou o parecer de representantes de diversas consellerías que poderían colaborar no proxecto -menciona as de Cultura, Medio Rural e Vivenda-, así como da Deputación lucense, e que nestes primeiros contactos quedou de manifesto que en principio hai unha boa disposición cara a esta iniciativa.

Diéguez opina ademais que habería que esforzar por involucrarse tamén neste proxecto a outras comunidades que conservan tradicións de especial valor cultural, aínda que non estean actualmente tan organizadas como as catro asociacións que participaron no encontro celebrado onte en Lugo.