Os sabores da terra brava

LEMOS

Dúas asociacións do Incio preparan a primeira edición dun festexo gastronómico protagonizado polo xabaril

12 abr 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

A asociación cultural A Ouriceira e a Sociedade de Cazadores do Incio pretenden contribuír á creación dunha festa gastronómica propia para este municipio. Con este motivo, ambos colectivos decidiron organizar conxuntamente o que denominan como primeira Festa do Porco Bravo, que se celebrará o próximo día 20.

Os organizadores esperan que a iniciativa se consolide e incluso «que chegue a ser unha das festas gastronómicas de maior renome da provincia», segundo apuntan. Non obstante, por agora propóñense un obxectivo máis modesto, que consistirá en ofrecer «unha celebración case familiar para unhas duascentas ou trescentas persoas», porque «cando se emprende por primeira vez unha actividade destas características cómpre ir pasiño a pasiño».

A primeira edición do festexo celebrarase na capital do municipio, baixo unha carpa instalada no campo da feira. Alí servirase, a partir das dúas da tarde, un menú que comprende porco bravo con cachelos, pinchos de empanada, ensalada e sobremesa, todo polo prezo de dez euros. Para participar no xantar é preciso retirar unha invitación en calquera bar ou cafetería da localidade ata o próximo día 18. O programa da xornada completarase con animación músical e folclórica a cargo do músico Paco da Ferrería e do grupo e gaitas e danzas da Ouriceira.

Representativos

Da resposta que teña esta primeira edición dependerá a continuidade do festexo, dedicada a exaltar un prato e un animal considerados como moi representativos dun territorio que o escritor Ánxel Fole bautizou no seu día como a «terra brava», segundo recordan os propios organizadores. As festas gastronómicas centradas no xabaril son de momento pouco numerosas en Galicia. Os municipios pontevedreses de Cerdedo, A Gudiña e Salceda de Caselas acolleron en tempos recentes varios festexos deste tipo.