Como presidente da banda chantadina, Ibán Ratón exerce de anfitrión na asemblea da federación galega de bandas populares que se celebra hoxe na vila. A Banda de Chantada, dirixida por José Vicente Navarro, agrupa actualmente a 47 músicos.
-¿As bandas de música galegas contan con suficiente apoio oficial?
-Eu podo falar da situación desta provincia e neste aspecto hai que dicir que só contamos coa axuda dos concellos e coas subvencións que vai concedendo a Xunta. Para a Deputación de Lugo, en cambio, parece que as bandas non existimos e non se acorda de nós para nada, nin antes nin agora. Nas provincias da Coruña e Pontevedra a situación é totalmente diferente e as deputación prestan un grande apoio a estas agrupacións, dando axudas ás escolas de música ou organizando certames, por exemplo.
-¿E en qué situación está neste aspecto a Banda de Chantada?
-Non nos podemos queixar en canto á axuda que nos prestou sempre o Concello e as necesidades básicas témolas ben cubertas. O máis necesario agora sería que Chantada contase cun bon auditorio para poder ofrecer concertos nas debidas condicións.
-¿Que supón para esta agrupación o feito de organizar a asemblea da federación de bandas?
-É a segunda vez que Chantada acolle este encontro e, por suposto, é sempre un honor recibir aquí aos representantes de todas as bandas que existen hoxe en día en Galicia.