Tradición medieval para substituír a Calvo Sotelo

La Voz

LUGO CIUDAD

29 mar 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

O nome de guímaro, utilizado popularmente como xentilicio dos habitantes do municipio, ten certo carácter polémico. Mentres que algúns veciños o reivindican como unha parte importante do patrimonio histórico e cultural, é mal visto por outros, que consideran que ten unha forte connotación pexorativa. Segundo a tradición local, ese nome designou especialmente aos habitantes da Pobra do Brollón que na Idade Media se rebelaron contra os condes de Lemos a causa duns tributos excesivos. A lenda di tamén que os antigos guímaros se reunían ao pé dun piñeiro para deliberar sobre os asuntos de interese común e é por tal motivo que no escudo municipal da Pobra do Brollón figura precisamente un piñeiro.

A orixe de tal denominación non está moi clara, pero o nome presenta unha aparente similitude con algúns coñecidos topónimos galegos e portugueses, como Guimaráns, Guimarás ou Guimarães, que proceden do antigo nome propio masculino Wimara. Este antropónimo de orixe xermánica, moi común na Península na alta Idade Media, presenta diversas variantes, como Guímara, Guimar, Vimara e Vimar.

Símbolo franquista

A rúa denominada agora con este nome deu pé a un curioso episodio hai varios meses, cando una páxina web de extrema dereita incluíu á Pobra do Brollón nunha lista de sitios recomendados para visitar polo feito de conservar nomes franquistas no rueiro.

O cambio de denominación foi aprobado ao mesmo tempo que se modificaban os nomes doutras rúas da capital do municipio. Outro nome asociado á ditadura, o da avenida José Antonio Primo de Rivera, foi substituído polo de avenida de Galicia. No novo rueiro foi incluído outro nome relacionado coa historia medieval do municipio, o de María Castaña, unha muller ao parecer oriunda da parroquia de Cereixa que desempeñou un papel protagonista nas revoltas veciñais contra o bispo de Lugo a finais do século XIV.