O nome da rúa dos Guímaros causa polémica en Brollón

LEMOS

29 mar 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

A tenente de alcalde da Pobra do Brollón, Adoración Fernández, mantivo o xoves unha reunión na Casa de Cultura cun grupo de veciños da rúa dos Guímaros -antes chamada avenida Calvo Sotelo- para falar sobre o recente cambio de denominación desta vía urbana. Fernández, que convocou este encontro a petición dalgúns residentes da zona, admite que «aos veciños, en xeral, non lles gusta o nome» e sinala que os integrantes do seu grupo están «dispostos a escoitar, a considerar propostas alternativas para nomear a rúa e incluso a facelas», aínda que desbota a posibilidade de devolverlle o nome anterior.

Non obstante, Fernández sinala que na reunión defendeu a validez do novo nome da rúa, aprobado nun pleno celebrado o 28 de decembro cos votos favorables do BNG e do PSOE e coa abstención do PP. «A palabra guímaro, en contra do que algúns pensan, non ten un sentido despectivo e é unha denominación histórica da que os veciños da Pobra do Brollón deberían sentirse orgullosos», afirma a este respecto. A tenente de alcalde sinala ademais que este nome tamén foi dado no seu momento a un obradoiro de emprego a a unha revista cultural que se editou en tempos no municipio.

Consultar aos veciños

O portavoz municipal do Partido Popular, José Antonio García, que asistiu á reunión do xoves, considera que o goberno local debeu consultar aos veciños da zona antes de oficializar o cambio de nome. «Nós abstivémonos na votación cando se presentou no pleno a proposta do cambio de nomenclatura, porque tamén pode haber veciños aos que lles pareza ben ese nome, pero o certo é que hai outros que consideran que non é o nome máis adecuado polas connotacións que se lle dá ás veces, e o Concello debería ter en conta a súa opinión», sinala. García apuntou a posibilidade de que o seu grupo leve ao pleno unha proposta para que o grupo de goberno reconsidere a súa decisión.

Pola súa parte, o alcalde José Luis Maceda -que non participou na reunión- non cre necesario buscar unha nova denominación para a rúa. «O cambio de nome foi aprobado por todo o equipo de goberno hai só tres meses e as decisións que se toman no pleno non se poden estar revisando cada cinco minutos, nin tampouco podemos andar facendo enquisas para poñer nomes ás rúas», afirma.

O mandatario, por outro lado, defende o valor desa denominación como sinal de identidade do municipio e asegura non entender «por que hai xente que se molesta con ese nome histórico que nos diferencia e que nos fai singulares. Eu, persoalmente, síntome orgulloso de ser un guímaro», engade.