Un oso salcedao e universal

LEMOS

O museo belga de Binche, catalogado como patrimonio da humanidade pola Unesco, incorporou ás súas coleccións o personaxe principal do Entroido de Salcedo

14 mar 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

O personaxe característico do Entroido de Salcedo xa está representado no Museo Internacional do Carnaval e da Máscara da cidade belga de Binche -considerado como o máis importante do mundo na súa especialidade-, que acaba de incorporar ás súas coleccións etnográficas unha réplica do disfrace do Oso. A peza foi doada pola asociación veciñal desta localidade da Pobra do Brollón, cuxo presidente, Felipe Castro, destacou o feito de que «o museo de Binche está recoñecido pola Unesco como patrimonio da humanidade xunto con todos os materiais que conserva, polo que o Oso de Salcedo tamén acaba de adquirir en certo modo esta categoría».

O disfrace foi entregado recentemente ao museo belga por Felipe Castro, quen viaxou a Binche xunto co concelleiro de Cultura Javier González. A directora da institución, Christelle Deliège, encargouse persoalmente de recibir a doazón, que lle fora ofrecida pola asociación de veciños o pasado ano. Tamén asistiron á entrega os profesores franceses Yvon e Ange-Marie Dupuoy, investigadores non profesionais dos carnavais europeos, que deron a coñecer o festexo de Salcedo a especialistas estranxeiros como o etnólogo Jean-Dominique Lajoux, quen visitou a localidade o pasado ano para estudar esta peculiar tradición.

No acto oficial de entrega do disfrace, Felipe Castro explicou as características da festa e do papel que desempeña nela este personaxe, mentres que o matrimonio Dupuoy deu unha breve conferencia sobre os diferentes carnavais europeos protagonizados pola figura do oso. Segundo comenta Felipe Castro, «os responsables do museo mostraron moito interese por esta tradición carnavalesca e acolleron moi ben a doazón. Ata a propia directora do museo veu recollernos a Bruxelas cando chegamos para levarlles o disfrace», engade.

Réplica fiel

A peza doada ao museo de Binche é unha reprodución do disfrace que leva actualmente o personaxe do Oso no Entroido salcedao. A súa estampa, non obstante, pode parecer demasiado impoluta en comparación co disfrace orixinal. «O Oso que anda hoxe en día polas rúas o luns de Entroido leva un traxe feito xa hai anos e as peles e as correaxes xa están bastante usadas e envellecidas, mentres que a réplica é un traxe de estrea feito con peles novas do trinque, de maneira que o seu aspecto parece que cambia un pouco, pero é unha réplica fiel do orixinal», explica Castro.

O museo de Binche, que posúe máis de 30.000 disfraces e máscaras tradicionais de todo o mundo, conta xa desde hai tempo con algunha mostra do entroido rural galego -como o traxe dos cigarróns ourensáns- e con outros disfraces de oso usados en diversas festas populares europeas, como é o caso do carnaval tradicional do Val de Aosta, no norte de Italia.