O estudo que se realiza nos bosques de castiñeiros da serra achega novos datos sobre o seu valor biolóxico
09 mar 2008 . Actualizado a las 02:00 h.A desaparición dos soutos do Courel suporía un gravísimo impacto na biodiversidade da serra e especialmente nas súas poboacións de aves. Esta é unha das conclusións provisonais dunha longa investigación sobre os bosques de castiñeiros da montaña lucense que científicos das universidades de Santiago e Vigo desenvolven desde o ano 2005 baixo a dirección do biólogo Javier Guitián e que aínda está en curso de realización.
As observacións feitas ata agora indican que os soutos funcionan como «verdadeiras illas na paisaxe para as comunidades de aves nidificantes», segundo indica Guitián, e que a diversidade de especies presentes nestes bosques está relacionada directamente coa superficie que ocupan. Ademais, os investigadores comprobaron que nos períodos de cría -primavera e verán- as especies que viven nos soutos son, nunha proporción bastante grande, diferentes das que viven nos seus arredores.
De momento, os resultados da investigación parecen tranquilizadores no que respecta ao estado de conservación da avifauna nestas formacións boscosas. Os científicos estudaron a evolución experimentada pola comunidade de aves nidificantes do souto de Parada desde 1977 ata o 2004 -utilizando datos recollidos en investigacións anteriores- e comprobaron que nese período non houbo cambios significativos en canto ás especies de aves e en canto ao tamaño das poboacións. Isto demostraría que os soutos son ecosistemas particularmente estables e que son capaces de manter unha grande diversidade de aves durante moito tempo. O equipo científico considera especialmente importante este feito, tendo en conta as transformacións rexistradas no medio ambiente da serra ao longo deste período, a causa da caída demográfica e do abandono das terras de cultivo e pastoreo, que foron sendo invadidas progresivamente pola maleza.