Diéguez inspírase nas tradicións de Entroido das terras de Brollón para escribir a súa próxima novela
27 feb 2008 . Actualizado a las 02:00 h.Aínda recente a publicación da súa última novela, O canto do muecín , Lois Diéguez está embarcado noutro proxecto narrativo, inspirado esta vez no entroido tradicional das terras de Brollón. O escritor xa ten o título da súa nova novela, A poutada do oso , que se encontra agora en pleno proceso de redacción. Diéguez tense interesado moito por esta peculiar tradición desde o seu cargo de presidente da asociación cultural Lugopatrimonio.
-¿Por que quixo levar o Oso de Salcedo a unha obra de ficción?
-É unha tradición que penso que pode dar moito xogo no terreo creativo e do simbolismo para reflexionar sobre a cultura ancestral e a modernidade. Xa tiña a idea na mente ao escribir O canto do muecín , que tamén arranca de reflexións deste tipo, pero referidas a un ámbito máis universal, ás terras de Oriente onde están as orixes da nosa cultura. Era algo que levaba dentro e que comezou a brotar cando acabei a anterior novela.
-¿Que interese cre que poden ter hoxe en día estas tradicións populares?
-Penso que estas manifestacións da cultura tradicional poden axudarnos a recuperar a base fundamental do noso ser nunha época de caos como a nosa. Ao meu ver, nos tempos da globalización e do predominio da técnica é importante conservar estas tradicións cargadas de simbolismo que recrean dunha forma emocionante a relación entre o home e a natureza e que, sendo algo moi propio da nosa cultura, son tamén universais.
-¿Xa ten moi adiantado o traballo?
-Rematei de escribir o primeiro capítulo, que é algo moi importante para o meu xeito de traballar, porque iso faime sentirme obrigado a continuar ata a fin do libro. En principio non quero que sexa unha obra tan extensa como O canto do muecín , agora pretendo facer algo con menos texto e máis acción, pero iso nunca se sabe, porque a historia e os personaxes cobran vida propia e non sempre van por onde un tiña previsto. Despois de darlle moitas voltas, escribín ese primeiro capítulo dunha sentada e o personaxe central xa está en movemento, que é o que importa.
-¿Que peso terá na novela a realidade actual do Entroido de Salcedo?
-Moito, porque pretendo reflectir dalgún xeito as vivencias reais, a experiencia emocional das persoas que actualmente fan o papel do Oso e dos criados. Mantiven hai pouco unha especie de tertulia en Salcedo -que gravamos integramente- con estas persoas e cos responsables da asociación de veciños que organiza a festa. Interésame contar como viven unhas persoas do mundo de hoxe o feito de manter viva unha tradición tan antiga que herdaron dos seus antepasados. Por certo, escribín as primeiras páxinas da miña nova obra no propio Salcedo e quero que a historia comece e remate alí, en medio da festa da Oso.