Coplas e imaxes para esixir un parque natural no Courel

A CORUÑA CIUDAD

07 feb 2008 . Actualizado a las 11:03 h.

«E a min non me gusta nada,/ ai, ver pechar as aldeas/ que se pechen as casiñas./ Toda a culpa desto teñen,/ ai, os nosos rexidores/ que nunca fixeron nada/ pra che manter as aldeas/ abertas e todas vivas». Estas coplas cantadas polo brindeiro courelao Xan de Vilar acompañan un vídeo editado en Internet, no célebre portal YouTube, para anunciar o documental Unha lousa sobre O Courel , que será presentado mañá -ás 11 horas- no Centro Internacional de Prensa de Santiago e que ten por finalidade reclamar a creación dun parque natural na serra e un proxecto de desenvolvemento que poida ofrecer á poboación local unhas alternativas de emprego diferentes das actuais explotacións pizarreiras.

O documental foi realizado pola produtora Namche Films, creada pola actriz Mabel Rivera e o cineasta Henrique Banet e especializada en películas de contido social e ecoloxista. Segundo os seus autores, o filme Unha lousa sobre O Courel pretende «romper o muro de desinformación interesada que se foi tecendo en torno á canteira da Campa, na Serra do Courel, tratando de facer crer aos seus habitantes que a única alternativa de traballo pasa pola existencia da canteira, impedindo así o desenvolvemento dun parque natural, que sería a solución máis idónea para esta privilexiada comarca».

Intervencións

O filme recolle as opinións de varios expertos do ámbito universitario coñecidos polas súas investigacións sobre diversos aspectos do patrimonio natural do Courel. Entre eles figuran o botánico Javier Guitián, un dos promotores da futura estación biolóxica de Seoane, e o xeólogo Juan Ramón Vidal Romaní, quen, como director do Instituto de Xeoloxía da Universidade da Coruña, rexeitou recentemente un premio concedido pola Cámara Oficial Mineira de Galicia «como protesta pola actuación das empresas da lousa no Barco de Valdeorras e no Courel, onde se está a consumar o maior desastre ambiental de Galicia», segundo afirmou no seu momento o propio científico.

Unha parte do documental, por outro lado, está dedicada a comparar a situación actual da Serra do Courel e a do parque natural asturiano de Somiedo, que é presentado como «un exemplo de desenvolvemento sustentable e xerador de riqueza e postos de traballo», segundo indica a produtora.

A película foi realizada co apoio das asociacións SOS Courel e Fonte do Milagro, así como do músico Emilio Cao, quen cedeu varios temas musicais para a banda sonora. A familia de Uxío Novoneyra, por outra parte, deu permiso para incluír en Unha lousa sobre O Courel algúns textos do falecido poeta courelao.