Bosch reproduciu en Salcedo o acto tradicional de apertura do carnaval do oso de Arles de Tec, unha festa que el mesmo axudou a restaurar cando levaba perto de vinte anos sen celebrarse. Ao igual que adoita facer alí, pronunciou o discurso acompañado dunha auténtica pel de oso.
-¿Como se inaugura a festa en Arles de Tec?
-Alí non hai un pregón, senón unha especie de discurso de advertencia ás xentes da vila pronunciado en catalán por un personaxe que representa os antigos cazadores de osos. É un chamamento para que todos se apresten a loitar contra a fera que ameaza a existencia da poboación.
-¿Por que considera aconsellable conservar hoxe en día estes festexos?
-Na vida moderna a xente anda moi desnortada e estas tradicións axudan a reencontrar os fundamentos básicos da vida dunha comunidade. O oso representa a crise e a recomposición cíclica dunha sociedade que sufre unha alteración para reestruturarse e recuperar o equilibrio. Coa aparición do oso, todos os problemas desaparecen, ao menos por un tempo. É algo formidable ver como toda unha comunidade se une para seguir sendo portadora dunha antiga tradición. Veño á festa de Salcedo con moito máis pracer que se me convidasen ao Carnaval de Veneza.