«O oso representa as forzas alleas á comunidade»

LEMOS

O pregoeiro do Entroido de Salcedo suliña o parentesco entre este festexo e os carnavais da Cataluña francesa

05 feb 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

O Entroido de Salcedo contou este ano cun pregoeiro pouco común. Profesor de química na Universidade de Montpellier, Robert Bosch é un etnólogo afeccionado - ben recoñecido entre os profesionais da materia- que se consagrou ao estudo dos carnavais do oso da Cataluña francesa, similares ao Oso de Salcedo, sobre os que escribiu o libro L'ours totem .

-¿En que medida se asemellan o Oso de Salcedo e os do Pireneo catalán?

-A diferenza básica é que aquí o Oso aparece de repente e cando acaba de tinguir á xente, desaparece sen máis cerimonias. Nos carnavais pirenaicos hai un ritual no que o home se transforma primeiro en oso e despois recobra a condición humana. Mais entre as tres vilas que conservan a tradición, que son Prats de Molló, Sant Llorenç de Cerdans e Arles de Tec, tamén hai diferenzas no modo de celebrar a festa, aínda que están moi perto unhas das outras.

-¿Estes festexos poden ter unha mesma orixe?

-O feito de que se conserven unhas tradicións tan parecidas nunhas comunidades separadas por millares de quilómetros, que nunca mantiveron contacto entre elas, demostra que todas estas festas teñen unha orixe común e de moita antigüidade. Proceden seguramente de rituais relixiosos relacionados coa chegada da primavera e a renovación cíclica da fecundidade da natureza e das comunidades humanas.

-¿A que pode deberse que estas tradicións festivas sobrevivisen só nalgúns lugares moi concretos?

-A miña teoría é que este festexo está moi relacionado coas antigas tradicións ligadas aos ferreiros e carboeiros, aos que fabricaban o ferro e o carbón vexetal. Estas actividades tiveron moitísima importancia tanto aquí como nos Pireneos e é poisible que por tal razón estas comunidades se mantiveron máis aferradas a estas tradicións. Ferreiros e carboeiros son personaxes lendarios porque están asociados á transformación da materia, e o feito de andar sempre tisnados, coas faces escurecidas, e de vivir un tanto apartados dos demais, fixo que lles identificase con outro ser mítico como o oso. Algo semellante sucedía con todos os forasteiros e estranxeiros, sobre todo os de pel escura, como os mouros das lendas. Todos estes personaxes representan as forzas alleas á comunidade, que poden causar temor e supor unha ameaza para a orde tradicional, pero coas que é necesario relacionarse para que a comunidade non se feche totalmente en si mesma e non acabe por caer na consanguinidade e na decadencia.