A carreira de carrilanas de Brollón conta con medio cento de participantes inscritos

La Voz

LEMOS

02 feb 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

A primeira edición da carreira de carrilanas do Entroido de Salcedo, na Pobra do Brollón, contará con medio centenar de participantes procedentes de diversas comunidades españolas, que competirán en 33 vehículos. Entre estes corredores, segundo explicou a organización, hai campións de España de certas categorías neste tipo de competicións, que son reguladas pola Federación de Deportes de Inercia. O prazo de inscrición quedou pechado o pasado xoves.

Os promotores da iniciativa consideran como un éxito esta resposta e sinalan que non é nada habitual que se apunten tantos corredores nunha carreira que se organiza por primeira vez. Aínda que as previsións meteorolóxicas para mañá, día en que se levará a cabo a carreira, non son moi favorables, pero os organizadores indican que o mal tempo non acostuma ser un obstáculo importante para esta clase de competicións.

A carreira levarase a cabo en dúas quendas diferentes que comezarán, respectivamente, ás doce do mediodía e ás catro e media da tarde. Os vehículos correrán por un circuíto que se desenvolverá na súa maior parte polas rúas da localidade. A competición, que terá carácter federado, está aberta a vehículos que poidan incluirse nas dúas modalidades recoñecidas pola mencionada organización, isto é, de rodamento ou de neumáticos. As bases establecen diversas gratificacións en metálico para os gañadores, así como outros premios que consisten en estadías en establecementos turísticos e en produtos gastronómicos.