A Deputación comprométese a mellorar as instalacións deportivas da Pobra do Brollón

La Voz

LEMOS

31 ene 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

O vicepresidente da Deputación, o nacionalista Antón Bao, ofreceu o apoio económico do organismo provincial para realizar diversas melloras nas instalacións deportivas da Pobra do Brollón durante unha visita institucional que efectou onte a este municipio. Por unha parte, Bao anunciou que a área de deportes da Deputación achegará fondos para realizar obras de reparación e mellora dos vestiarios do campo de fútbol dos Medos, que visitou en compañía do alcalde José Luis Maceda. Así mesmo, afirmou que se concederán axudas para a rehabilitación interior do pavillón polideportivo local.

Por outro lado, segundo Antón Bao, o goberno do organismo provincial ten a intención de incrementar as axudas aos municipios de menor peso demográfico da provincia, como é o caso da Pobra do Brollón, «que precisan do apoio da Deputación para tentar conseguir fixar poboación e para que as persoas que residen neles conten cos medios necesarios para vivir dun xeito propio destes tempos». Iniciativas como as anunciadas para as instalacións deportivas locais, engadiu, están entre «as que é necesario promover desde as administracións locais co apoio das deputacións para mellorar a calidade de vida da xente no día a día».

Bao, por outra parte, asegurou que a área de cultura da Deputación apoiará «incondicionalmente» as iniciativas encamiñadas á conservación das manifestacións do patrimonio inmaterial da provincia, entre os que se encontra o Entroido tradicional da Pobra do Brollón e máis concretamente o festexo protagonizado pola figura do Oso de Salcedo.