Nove anos de esquecemento

LEMOS

A ferrería de Seoane do Courel, restaurada desde 1999, segue sen ter ningunha perspectiva de abrirse ás visitas turísticas

19 ene 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

Na próxima primavera cumpriranse nove anos desde que acabaron as obras de restauración da ferrería de Seoane do Courel, financiadas no seu día pola Consellería de Cultura con cerca de corenta millóns das antigas pesetas. Aínda que obxectivo daquela operación era abrir o edificio ás visitas turísticas, a ferrería permanece pechada desde entón e na actualidade segue sen haber perspectivas de que poida abrirse nun prazo máis ou menos breve.

Os donos da ferrería afirman que desde hai moito tempo non manteñen ningún contacto coa Xunta que poida desbloquear a situación. «Non volvemos ter ningunha noticia desde que nos entrevistamos en Lugo con representantes da Dirección Xeral de Turismo, xa vai para dous anos», di José Antonio Locay, representante da familia propietaria. «Daquela explicámoslles a nosa postura e eles dixéronnos que nos darían unha resposta, pero a resposta segue sen chegar a día de hoxe», engade.

A posición dos propietarios segue a ser a mesma: queren que a Xunta cumpra o compromiso expresado polo ex presidente Manuel Fraga no 2004, pouco antes das eleccións autonómicas que deron o poder ao actual goberno. «Non chegou a asinarse ningún documento, pero houbo un firme compromiso verbal por parte do presidente da Xunta de que se compraría a ferrería para convertela nun museo e nós seguimos dispostos a que iso se cumpra. O que pasa é que o Goberno parece non querer saber xa nada deste asunto», sinala Locay. Aquel pacto lográrase despois de varios anos de desacordo entre os donos e a Xunta. Os primeiros sostiñan que as obras de restauración quedaran inacabadas e que era preciso facer determinados arranxos no edificio -entre outras cousas, para mellorar as medidas de seguridade- antes de abrilo ao público.

Posible renuncia

Ante a falta de solucións, os propietarios din que este ano poden renunciar definitivamente a abrir a ferrería aos visitantes. «Esperaremos a ver se o proxecto de creación do parque natural fai revivir a cuestión de ferrería, pero se non hai cambios significativos acabaremos por abandonar totalmente esta idea», advirte Locay. «É unha pena que os cartos que se investiron na restauración acaben por non valer para nada, pero nós non podemos abrir a ferrería pola nosa conta e menos aínda sen que se fagan os arranxos que necesita o edificio», agrega.

O etnógrafo Clodio González Pérez, que estudou a historia das antigas ferrerías lucense, lamenta tamén que a vella fábrica de ferro de Seoane continúe pechada despois de todos estes anos. «Habería que buscar como fose un acordo que permitise abrir esa ferrería, que é unha das máis espectaculares e mellor conservadas de Galicia, aínda que non é a máis antiga», opina. O investigador sinala o caso da ferrería de Compludo, no Bierzo, «que a pesar de ser bastante máis pequena se converteu nun atractivo turístico de primeira fila. Na ferrería de Seoane podía facerse perfectamente algo parecido ao que se fixo en Compludo ou noutras ferrerías que se conservan en Asturias e noutras comunidades», apunta.

Desde que rematou a restauración, a ferrería só puido ser visitada polo público en moi contadas ocasións, coincidindo coa celebración do Filandón de Músicas do Courel. Unhas aperturas ocasionais, limitadas a unhas poucas horas por ano, que supoñen sen dúbida un aproveitamento ínfimo comparado coas visitas que puido ter recibido o edificio desde a primavera de 1999.