Menéndez considera que a posible declaración da ruta como BIC axudará a obter o rango de itinerario xacobeo
16 ene 2008 . Actualizado a las 02:00 h.A presidenta da asociación Camiños a Santiago pola Ribeira Sacra volveu satisfeita da entrevista mantida o domingo en Rodeiro co director xeral de Turismo, Rubén Lois, quen se comprometeu a apoiar a declaración do Camiño de Inverno como BIC ou ben de interese cultural.
-¿A ruta xa comeza a ter o recoñecemento que os seus defensores están a buscar desde hai anos?
-Eu penso que o recoñecemento do Camiño Sur xa é imparable e é un avance moi importante que haxa un compromiso dun organismo da Xunta para declarala BIC. O convenio que vai asinar Turismo coas asociacións galegas que promovemos o Camiño de Inverno, do que tamén falamos moito en Rodeiro, tamén é un apoio considerable.
-¿Cando pode estar formalizado o convenio?
-En realidade haberá tres convenios coas asociacións que existen na Ribeira Sacra, no Deza e en Valdeorras. Aínda non se fixou unha data nin un orzamento concreto, pero confío en que o proceso poida estar rematado no prazo dun ou dous meses. Os tres convenios terán puntos en común, como o referente á actualización da cartografía xeral da ruta. Despois, cada asociación poderá desenvolver as iniciativas que se consideren más convenientes para cada zona, aínda que iso tamén dependerá das axudas que nos poida facilitar Turismo.
-¿Que actuacións urxen máis na Ribeira Sacra?
-Faría falta arranxar certos tramos da ruta que hoxe están pouco transitables e tamén sería preciso promover a creación de albergues ou puntos de atención aos camiñantes. Para mellorar a sinalización sobre o terreo xa contamos cunha subvención que nos concedeu o consorcio turístico e espero que non tardemos moito en adxudicar esta actuación a algunha empresa.
-¿Que outras cousas cre que habería que corrixir para mellorar a promoción da ruta?
-O que non me parece de recibo é que se pretenda agora modificar algún tramo da ruta, que foi unha posibilidade que se apuntou na reunión de Rodeiro. O itinerario do Camiño de Inverno xa foi trazado en detalle hai anos por varios especialistas en camiños medievais, como Elisa Ferreiro Priegue, e creo que é mellor deixalo como está, aínda que se poidan admitir variantes nalgúns tramos. Hai que recordar que a ruta foi documentada con moito rigor por especialistas en historia e cartografía, como recoñeceu o domingo o propio director xeral de Turismo. Rubén Lois admitiu que está incluso mellor documentada que algunha das rutas que xa foron recoñecidas oficialmente como itinerarios xacobeos. Eu recordeille, por certo, que o Xacobeo 2010 xa está aí cerca e que para entón sería moi conveniente que o Camiño de Inverno tivese recoñecemento oficial.