A asociación cultural Lugopatrimonio, que acaba de renovar a súa directiva encabezada polo escritor monfortino Lois Diéguez, pretende continuar no 2008 a colaboración cos colectivos que manteñen vivos os festexos de maior valor etnográfico do sur lucense, iniciada este ano coa súa participación na queima das fachas de Taboada. Os responsables da asociación queren implicar tamén aos seus socios na organización doutros catro festexos que se caracterizan por un especial valor cultura: o entroido de Salcedo -na Pobra do Brollón-, o entroido ribeirao de Chantada, as danzas de Cervela-no Incio- e a romaría quiroguesa da Ermida, protagonizada polos personaxes do Meco e as Pampórnigas.
A primeira destas actuacións será en febreiro, mes que a asociación dedicará ao patrimonio inmaterial. O colectivo organizará en Lugo unha proxección de vídeos sobre o entroido de Salcedo e o seu característico personaxe do socio. Os socios de Lugopatrimonio desprazaranse tamén a esta localidade para tomar parte no festexo e ofrecerá o seu apoio ao colectivo veciñal que o organiza para preparalo e divulgalo.
Por outro lado, como xa adiantou Lois Diéguez hai algún tempo, a asociación solicitará á Consellería de Cultura a creación dunha figura específica para a protección oficial destes festexos, propoñendo para eles a denominación de ben rural de interese cultural e etnográfico. A creación desta figura levaría aparellada a concesión de axudas para manter vivas estas celebracións e para favorecer o desenvolvemento turístico e económico das localidades que as conservan.
Obradoiro barroco
Así mesmo, Lugopatrimonio proxecta desenvolver entre os meses de marzo e abril un obradoiro do barroco, seguindo unha liña similar á das xornadas sobre a arte románica que organizou este ano. O programa comprenderá conferencias sobre a historia e a cultura dos séculos XVII e XVIII, proxeccións didácticas e un concerto de música que se celebrará posiblemeente no mosteiro de Samos. Está previsto organizar ademais un percorrido guiado por Santiago e por outra localidade galega -aínda sen determinar- que se distinga polo seu patrimonio barroco.
Previamente, a asociación organizará en xaneiro unha excursión cultural a Ourense, dentro dun apartado específico de actividades que leva o título Coñecer as nosas cidades .