O vídeo de Adega sobre a Serra do Courel xa superou o medio millón de visitas no portal YouTube
LEMOS
O vídeo colgado en Internet para apoiar a campaña da asociación ecoloxista Adega a favor da creación dun parque natural na Serra do Courel xa superou a barreira do medio millón de visitas no popular portal Youtube. A media tarde de onte, esta montaxe audiovisual, que está dispoñible na Rede desde hai cinco meses, rexistrara exactamente 500.482 visitas, unha cifra que probablemente a convirte no maior éxito de público alcanzado en Internet por un vídeo realizado en Galicia.
Os visitantes de YouTube, por outro lado, escribiron ata agora 63 comentarios acerca deste vídeo, que foi realizado por voluntarios utilizando imaxes características da Serra do Courel tomadas do programa de TVG De Galicia para o mundo , acompañándoas co tema musical Terra , do coñecido grupo Luar na Lubre. Moitos dos comentarios aluden en ton crítico á situación ambiental do Courel e ao impacto das explotacións pizarreiras no patrimonio natural-algúns dos comentaristas polemizan entre si a este respecto-, pero outros limítanse a falar eloxiosamente das paisaxes que se mostran no vídeo. Non faltan visitantes que sinalan ademais as deficiencias que presenta a zona para para as actividades turísticas. «Las señales en las carreteras están fatales», apunta un internauta que di ter visitado a serra hai un par de meses e que afirma que «ni con mapa» conseguiu orientarse con facilidade. Unha grande parte dos comentarios están escritos en galego e en castelán, pero tamém hai mensaxes redactadas en portugués e en inglés.
Enlaces
Á popularización deste vídeo, por outra parte, están contribuíndo diversas páxinas de Internet que recomendan visitalo e que incluso facilitan enlaces para facelo. Entre elas figuran as webs de Adega e doutras organizacións ecoloxistas, pero tamén algúns blogs editadas por particulares.