En Brollón barallan os nomes de Guímaros e María Castaña para reemprazar o rueiro franquista
LUGO CIUDAD
Nomes como os de Guímaros, María Castaña, Galicia ou Samoeiro poderían ser os que substitúan proximamente os das rúas José Antonio e Calvo Sotelo, os últimos rastros do rueiro franquista que quedan no municipio da Pobra do Brollón. Estas denominacións foron propostas nunha comisión de goberno e serán estudadas polo pleno da corporación nunha sesión que se celebrará o mes próximo e que aínda non ten unha data fixada. «Eses son nomes dos que falamos na comisión, pero aínda non se pode dicir se serán os definitivos», puntualizou a este respecto o alcalde José Luis Maceda.
As novas denominacións, unha vez aprobadas polo pleno, repartiranse non só entre mencionadas rúas de José Antonio e Calvo Sotelo senón tamén entre outras dúas que ata agora careceron de nome oficial. Con este cambio de nome, desaparecerán uns vestixios da ditadura franquista que son mencionados desde hai tempo nunha páxina web de extrema dereita, onde o Concello da Pobra do Brollón é mencionado eloxiosamente como un lugar que merece visitarse por este motivo, entre outras poboacións de toda España que conservan restos do nomenclátor característico do anterior réxime.
As novas denominacións que estuda o goberno municipal están directamente vinculadas coa historia local. O nome de guímaros é un xentilicio popular que se aplica tradicionalmente aos habitantes do municipio. María Castaña é un personaxe histórico relacionado coas revoltas comunais do século XIV en Lugo e que se considera oriunda da parroquia de Cereixa. Samoeiro é o nome dunha antiga asociación local deste municipio.