Patrocinado porPatrocinado por

Comeza a prospección arqueolóxica do castro achado en San Vicente

AGRICULTURA

22 nov 2007 . Actualizado a las 03:27 h.

No parque Zapardiel de Monforte comezarán hoxe as prospeccións arqueolóxicas que teñen por obxecto determinar as posibles dimensións do asentamento castrexo recén descuberto na ladeira nordeste do monte de San Vicente. A primeira destas intervencións levarase a cabo cerca da pasarela que cruza o arroio Zapardiel á altura do instituto Río Cabe, nun punto situado a uns douscentos metros dos restos de edificacións que foron achados a causa das obras de reforma que se executan nesta zona verde.

Os arqueólogos realizarán despois outras pequenas escavacións en dúas zonas próximas, en busca de posibles vestixios de construcións antigas ou doutros restos que poidan proporcionar información sobre o que parece ser o núcleo de poboación máis primitivo encontrado ata agora no casco urbano de Monforte.

Estes achados veñen poñer de actualidade as vellas hipóteses que sitúan en Monforte o castro Dactonio, que segundo Claudio Ptolomeo -xeógrafo grego do século II- foi a principal poboación dos lemavos, os antigos habitantes da actual Terra de Lemos. Segundo explica o director xeral de Patrimonio, o arqueólogo Felipe Arias, os restos localizados ata hoxe «indican que en San Vicente hai un castro polo menos de época prerromana e agora do que se trata é de ver se ese horizonte prerromano tivo continuidade na época romana». É dicir, se en San Vicente aparecen novos restos que demostren que este núcleo castrexo foi tamén unha poboación de importancia durante o Imperio Romano -engade Arias-, aumentarían as posibilidades de que o castro Dactonio estivese situado efectivamente en Monforte. «Hai que ter en conta que Dactonio é un lugar relacionado xa coa romanización e que é mencionado nos itinerarios romanos», apunta.

Ubicación alternativa

Algúns investigadores -Felipe Arias entre eles- suxeriron hai algún tempo unha posible ubicación alternativa para Dactonio, indicando que a capital dos lemavos puido estar tamén en San Vicente de Castillón -no municipio de Pantón-, onde foron achados numerosos vestixios arqueolóxicos que van desde á epoca castrexa ata os inicios da Idade Media. Neste lugar, que parece ter sido un importante cruzamento de camiños, existiu unha villa -unha importante facenda agrícola da época romana- e outras construcións que só foron parcialmente estudadas. «Castillón foi unha alternativa que se formulou ante a falta de materiais arqueolóxicos castrexos e romanos en Monforte, porque alí si que hai moitos indicios de que foi un lugar importante nos tempos en que supostamente viviron os lemavos e de que houbo unha continuidade de poboación durante séculos», explica Arias. «En Monforte puido haber algo parecido ao que houbo en Castillón, pero para sabelo hai que seguir investigando», agrega.

De todas maneiras, Felipe Arias considera que desde o punto de vista meramente histórico e arqueolóxico non ten demasiada importancia saber se Dactonio estivo en Monforte ou en Pantón e que non hai motivos para polemizar a este respecto. «Sabelo con certeza sería sen dúbida un dato histórico de moito interese e ademais, para Monforte ou para Pantón sería importante que se demostrase se Dactonio estaba nun sitio ou no outro, pero aclarar ese detalle concreto non nos proporcionaría moitos datos novos sobre a organización do territorio nesa época ou sobre outros aspectos que descoñezamos», puntualiza.