Unha réplica do disfraz do típico personaxe foi ofrecida a un museo internacional do carnaval
07 nov 2007 . Actualizado a las 02:00 h.O personaxe característico do entroido de Salcedo, na Pobra do Brollón, podería estar representado en breve prazo nun dos máis importantes museos mundiais sobre as tradicións carnavalescas. A asociación de veciños de Salcedo ofreceuse a proporcionar unha réplica do disfraz do Oso ao Museo Internacional do Carnaval e da Máscara da cidade belga de Binche, que xa mostrou o seu interese por esta tradición característica da comarca de Lemos.
Segundo explica Felipe Castro, presidente da mencionada asociación, o contacto co museo belga estableceuse grazas ao profesor francés Yvon Dupuoy, un investigador dos carnavais populares europeos que visitou Salcedo no 2004. «Primeiramente contactamos co museo por teléfono e pedíronnos que enviásemos un escrito para explicar as características do entroido de Salcedo e do personaxe do Oso, que lles pareceu moi interesante», explica Castro. «Xa lles remitimos a documentación e aínda non recibimos unha resposta, pero creo que aceptarán a nosa oferta, que ademais sería en calidade de doazón e non lles custaría nada», engade. O colectivo veciñal ofreceuse tamén a dar unha conferencia sobre o entroido de Salcedo no museo de Binche.
En caso de recibir unha resposta positiva, a asociación elaborará unha réplica do disfraz utilizado na actualidade no festexo, -formado basicamente por unha máscara de coiro, un traxe de peles de ovellas e varios chocallos-, que pasaría a formar parte da colección do museo.
A cidade de Binche, situada na provincia francófona de Hainaut, celebra un dos carnavais máis famosos de Europa, declarado Patrimonio da Humanidade pola Unesco no 2003. O seu Museo do Carnaval e da Máscara está considerado como un dos principais do mundo no seu xénero. Nas súas coleccións xa conta desde hai tempo con mostras dos disfraces típicos dos carnavais rurais de Galicia -os traxes dos peliqueiros e cigarróns ourensáns- e do País Vasco.
O probable ingreso do disfraz do Oso no museo de Binche suporía un novo e importante paso na difusión internacional do entroido de Salcedo, que este mesmo ano foi estudado polo etnólogo francés Jean-Dominique Lajoux.