O goberno local da Pobra do Brollón desbota encargar a unha empresa privada a xestión do centro de día

La Voz

A POBRA DO BROLLÓN

09 oct 2007 . Actualizado a las 02:00 h.

O alcalde da Pobra do Brollón, José Luis Maceda, afirmou que o goberno local que preside ten a firme intención de xestionar o centro de día do municipio dentro do Consorcio Galego de Servizos Sociais e por esta razón desbota a posibilidade de adxudicar o centro a unha empresa privada, unha solución que é defendida polo grupo popular.

Tanto o alcalde como a tenente de alcalde, Dora Fernández, participaron o pasado mes nunha reunión con representantes da empresa Asimédica, na que tamén estivo presente o portavoz do PP, José Antonio García. Posteriormente, os populares propuxeron no pleno que o Concello tomase en consideración a posibilidade de encargar a esta empresa a xestión do centro de día. O PP, por unha parte, móstrase pouco favorable a participar no Consorcio Galego de Servizos Sociais porque teme que esa solución supoña un custo excesivo para as arcas municipais. Por outra parte, di que a apertura do centro de día está sufrindo un considerable retraso e que o goberno local aínda non puido fixar unha data para a súa posta en marcha. «Ademais, a empresa ofreceuse a construír no municipio unha residencia xeriátrica de 59 prazas, o que podía representar un bo número de postos de traballo, xunto cos do centro de día», apunta García.

Insistencia

Os populares sinalan por outro lado que se entre finais deste mes e mediados de novembro non se coñecen novidades sobre a apertura do centro de día, volverán pedir ao Concello que aposte por unha xestión privada deste servizo. «O centro xa está terminado e dotado de mobiliario e non vemos ningunha razón para seguir dilatando a posta en marcha deste servizo», comenta o portavoz popular.

Pola súa parte, o alcalde di que a reunión con representantes de Asimédica «foi simplemente un encontro no que se nos informou dos servizos que pode prestar esa empresa, pero nada máis». O rexedor agrega que desde o momento en que se decidiu o ingreso no mencionado consorcio «quedou claro que este goberno municipal aposta por unha xestión pública dos servizos sociais e que polo tanto está claro que non temos pensado adxudicar esa función a unha empresa privada».

En canto ás perspectivas de apertura do centro, José Luis Maceda afirmou que non cre que tarde moito tempo, aínda que polo momento prefire non falar dunha data concreta. «Aínda fai falta levar ao pleno a adhesión ao consorcio e convocar as probas de selección de personal, entre outros trámites, pero penso que non haberá moitas dificultades e estamos mantendo conversacións coa Vicepresidencia de Igualdade e Benestar para que isto se faga no prazo máis breve posible», explicou. «Se o Partido Popular quere aproveitar a ocasión para dicir que o Concello aínda non abriu o centro de día, que o faga», agrega.

Maceda non desbota a posibilidade de construír no municipio unha residencia xeriátrica, que ao seu xuízo debería ser «unha minirresidencia», pero indica que por agora este proxecto non está entre as prioridades máis urxentes do goberno local. «O primeiro é poñer en funcionamento o centro de día, que vai contar con trinta prazas e vai supor unha resposta importante ás necesidades que ten o municipio nese aspecto», puntualiza. «Contar cunha residencia xeriátrica pode ser tamén moi interesante, tendo sobre todo en conta os postos de traballo que pode proporcionar, pero polo momento non comezamos a traballar nese terreo», engade o rexedor.