O autobús que levará as novas tecnoloxías ao medio rural iniciará o martes o seu percorrido pola provincia
LEMOS
O infobús Bussi (bus da sociedade da información) iniciará o martes a súa andaina por quince concellos da provincia de Lugo. Previamente, o luns terá lugar a súa presentación na Subdelegación do Goberno, na que ademais do subdelegado estarán presentes o presidente da Asociación Galega de Empresas TIC (Agestic) e o secretario xeral técnico de Xóvenes Agricultores. Ambas agrupacións asinaron un convenio para achegar as novas tecnoloxías aos traballadores das explotacións agropecuarias, cooperativas e empresas do sector de medio cento de concellos galegos.
O itinerario que seguirá este infobús pola provincia de Lugo será o seguinte: o día 2 estará en Muras, Ourol e Viveiro; o 3 en Vicedo e Xove; o 4 en Cervo e Ferreira do Valadouro; o día 8 en Pedrafita e Cervantes; o 9 en Vilanova de Lourenzá e Alfoz; o 10 en Baleira e Castroverde e o día 11 en Pantón e Sober. O bus da sociedade da información está totalmente equipado en canto a medios técnicos e tamén conta con medios humanos cualificados, entre eles un animador e un dinamizador TIC.
Ademais de percorrer os 15 concellos da provincia de Lugo mencionados, este autobús tamén se achegará a outros tantos municipios da provincia de Ourense; mentres que na Coruña e en Pontevedra estará en dez concellos de cada unha destas provincias.
A posta en marcha deste autobús forma parte do proxecto Infored Rural, que conta co respaldo e o financiamento do Ministerio de Industria e que inclúe accións de difusión, de formación e de coñecemento das vantaxes das tecnoloxías da información e da comunicación na xestión das explotacións e como ferramenta para mellorar as condicións de vida e de competitividade da xente que reside no medio rural. A finalidade última deste proxecto é traballar a prol da superación da fenda dixital existente no medio rural galego.