As investigacións arqueolóxicas realizadas nas covas do Courel desde mediados de agosto puxeron ao descuberto numerosos vestixios da fauna primitiva
A campaña arqueolóxica que se desenvolveu desde mediados de agosto na Cova do Xato, no municipio do Courel, pechouse o pasado venres despois de que se fixesen novos achados de restos de fauna antiga que se suman aos realizados durante as dúas últimas semanas. Non se localizaron vestixios de ocupacións humanas prehistóricas, pero chegouse á conclusión de que esta caverna foi moi posiblemente un cubil de animais carnívoros hai decenas de miles de anos e recuperáronse numerosos materiais orgánicos que axudarán a averiguar cales eran as condicións ambientais e climáticas que reinaban na serra nesas épocas remotas. «A Cova do Xato non nos proporcionou información sobre as poboacións humanas do Paleolítico como o fixo en xullo a cova de Valdavara, en Becerreá, pero si que nos deu moita máis información paleoambiental, é dicir, información sobre o medio natural que houbo nesta zona nese período», resume o arqueólogo Arturo de Lombera, un dos responsables dos traballos de campo deste proxecto científico promovido pola Universidade de Santiago.
Neste último tramo da investigación, os científicos descubriron que os fragmentos dun cranio achado nos últimos días no subsolo da gruta non pertencían a algunha especie de cabra, como se pensou nun primeiro momento, senón a un oso. Non se sabe aínda se este plantígrado milenario é da mesma especie que o oso pardo moderno ( Ursus arctos ) ou se hai que encadralo na variedade extinta do oso das cavernas ( Ursus spelaeus ), unha fera moito máis corpulenta e robusta cuxa presenza na montaña lucense xa foi documentada en diversos lugares. O cranio mostra ademais certas marcas que fan pensar que este oso, despois de morrer, serviu de alimento a outro animal. Estes detalles aclararanse nos próximos meses, cando os restos sexan examinados a fondo no laboratorio por especialistas en paleontoloxía. «Os que estivemos traballando na Cova do Xato somos arqueólogos e a fauna non é a nosa especialidade», puntualiza a este respecto De Lombera.
Outros restos
Os vestixios do oso foron localizados nunha escavación que se praticou no interior da caverna a escasa distancia da entrada e na que se chegou a uns dous metros de profundidade. Nesta zona aparecen tamén algúns dentes -que presumiblemente tamén son de oso- e outros restos orgánicos. Outra zona que se escavou máis adentro da cova proporcionou restos aínda máis numerosos, pero que en principio parecen de menor antigüidade. En ambos lugares, o labor dos investigadores sacou á luz un importante número de fragmentos óseos -mandíbulas, costelas, dentes- de diversas especies animais que todavía están sen identificar.
A este material hai que engadir abundantes mostras de sedimentos que foron recollidas en diversos niveis do subsolo e que serán analizados para ver se conteñen pole fosilizado, o que podería fornecer importantes informacións sobre a vexetación prehistórica do Courel. No laboratorio examinaranse igualmente mostras dunha camada estalagmítica por debaixo da cal se fixo unha escavacións do interior da cova, e que pode axudar a saber en que época viviron os diversos animais que morreron dentro desta cavidade natural.
Futuras intervencións
Por outro lado, os investigadores efectuaron durante estes días diversas prospeccións de superficie -sen facer ningunha escavación polo momento- noutras cavernas da Serra do Courel, nas que acharon outros vestixios de fauna prehistórica. A información recollida en todos estes lugares servirá para escoller os puntos máis adecuados para levar a cabo novas escavacións nos próximos anos. Os responsables deste proxecto teñen a intención de continuar explorando as montañas en busca do rastro das poboacións paleolíticas. «O que encontramos ata agora demostra que esta zona ten un potencial moi importante e que merece a pena seguir investigando», apunta Arturo de Lombera.